Éxito da xuntanza de expertos organizada polo CITIC e patrocinada pola OTAN

mércores, 17 de xullo do 2013 Redacción

"O encontro mantido a semana pasada foi moi satisfactorio porque nos permitiu avanzar no obxectivo de impulsar o estudo que estamos a facer de viabilidade de tecnoloxías sen fíos 4G en aplicacións militares" en palabras de Luis Castedo, investigador principal da área de Comunicacións Sen Fíos do CITIC, a xuntanza do grupo de expertos IST ET-068 LTE vs WiMAX for military applications mantida a semana pasada no CITIC.
Durante dous días o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comuniación (CITIC) foi escenario dun encontro promovido pola axencia Collaboration Support Office (organismo dependente da OTAN), entre representantes de diferentes empresas internacionais, Centros de Investigación europeos e investigadores do CITIC. Prevese que o próximo mes de novembro se presenten á Oficina de Apoio á Colaboración da OTAN as conclusións deste estudo, segundo o calendario previsto.

Grande esixencia dos escenarios militares

No transcurso desta reunión, última presencial que celebre o grupo, revisáronse e pecharon algúns dos capítulos do citado estudo, ademais de determinar a estrutura dos restantes e a repartición de tarefas pendentes entre os diferentes participantes nas que o CITIC terá un importante papel.
Segundo Luis Castedo, "avanzamos significativamente no estudo que estamos a realizar para que tecnoloxías sen fíos de cuarta xeración como WiMAX, LTE ou Wi-FI, inicialmente desenvolvidas para aplicacións civís, poidan utilizarse, coas modificacións necesarias, en escenarios militares que son moito máis esixentes".

PUBLICIDADE