Este venres temos cita coa innovación e o software libre no Colaboratic.gal

mércores, 15 de xuño do 2016 Fernando Sarasketa

Finalmente celébrase este venres o gran evento galego da tempada en materia de software libre e participación colectiva arredor do noso desenvolvemento tecnolóxico. Falamos de Colaboratic.gal, un evento para “amosar e fomentar a colaboración entre os eidos das tecnoloxías abertas e outros sectores da economía e sociedade”, segundo informa as entidades organizadoras, a nosa asociación empresarial AGASOL en colaboración coa axencia AMTEGA.
A xornada, que se desenvolve na Cidade da Cultura dende as 9.30 até as 17.30 horas, vén cun máis que completo programa de actividades (dirixidas non só a achegarnos información sobre as posibilidades da tecnoloxía aberta para a nosa terra, senón tamén a permitirnos participar ao máximo no debate e na construción colectiva desta tecnoloxía e dese desenvolvemento).
Entre os pratos fortes atópanse as Mesas de Experiencias, que estarán moderadas por Juan Freire, e nas que participarán iniciativas como Goteo, Librebit, Tagen Ata, Queres, Cidadanía, etc.
O evento arrinca ás 9.30 horas coa presentación institucional de Mar Pereira, directora de AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), e Xavier Castaño (Asociación Galega de Empresas de Software Libre). As mesa, que comezan ás 9.45 horas, contarán (nesta orde) coa presenza dos representantes de Queres, Librebit, Deloga, Innoto, Tagen Ata, Cidadanía, Goteo.org, AGASOL, Xeoinquedos e o Colectivo Drupal.

Iñaki Quenerapú será o encargado de desenvolver e moderar o speed-dating de pola tarde

Pola tarde, logo do xantar, será a quenda das xeiras de debate e intercambio directo de información. Trátase dun espazo específico “para falar” e para favorecer encontros entre empresas centradas no software libre e outros eidos do tecido empresarial (industrial, deseño, agro-gandeiro, pesqueiro). O encargado de xestionar e dinamizar o speed-dating de presentación de ideas innovadoras será Iñaki Quenerapú. A xeira comeza arredor das 15.00, coa explicación do seu funcionamento a cargo de Iñaki. O speed-dating en si mesmo arrinca ás 15.15 horas, e nel participarán unha decena de empresas TIC e outras tantas empresas “non TIC”.

PUBLICIDADE