Estados Unidos busca pórlle fin ao fenómeno das facturas desorbitadas do móbil
xoves 3 de xuño do 2010, por |
Tendo en conta que as facturas de telefonía móbil se están a afianzar como unha das principais ameazas para a bo funcionamento do sistema cardíaco dos estadounidenses, as autoridades do país veñen de anunciar a posta en marcha dunha serie de disposicións e campañas informativas dirixidas a poñerlle control á teima das operadoras de engadir cifras nas súas notificacións mensuais. Así nolo conta estes días o blog da Comisión de Mercado das Telecomunicacións, a entidade equivalente ao órgano de Estados Unidos responsable destas medidas: a FCC. O xermolo das mesmas está no elevado número de facturas que se están a rexistrar cunha cantidade escasamente asumible de números. O fenómeno, probablemente unha mestura de cobiza empresarial e de exceso de confianza operativa por parte dos usuarios, xa ten nome propio a forza de terse imposto como algo común: o bill shock.
A día de hoxe, informa o devandito órgano regulador, tense rexistrada unha cifra de 30 millóns de estadounidenses vítimas deste abuso.
Segundo parece, a meirande porcentaxe de sustos abrangue o eido dos cidadáns que teñen contratada unha tarifa de datos no seu móbil con límites de emprego e descarga predefinidos. A raizame do problema está en que moitos destes usuarios confiaron en que fosen as empresas dos servizos que tiñan contratados as que os puxesen ao tanto da inminente superación dos límites. Pero non foi así. Resultado: rexistrouse unha manchea de casos de medres mensuais no pago a efectuar, medres que para algunhas persoas significou un abono extra de máis de 100 dólares.
As medidas que a FCC pensa poñer en práctica para evitar estes feitos teñen que ver co seguinte: forzar ás empresas a incrementar a transparencia nos servizos que ofrecen (o que viríamos a coñecer como aumentar o tamaño da letra pequena dos contratos) e a pór en marcha órganos e departamentos que faciliten a información entre os clientes sobre o que levan consumido do preestablecido e o que lles resta por consumir. De non tomarse estas medidas nas empresas de xeito voluntario, a FCC xa anunciou que fará o que teña que facer para que sexan de obrigado cumprimento.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

















