PuntoGal

O noso boletín por e-mail conta xa con 2.886 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

Especialistas galegos en TIC deseñan software específico para o sector das renovables

martes 9 de marzo do 2010, por Fernando Sarasqueta | | Compartir en Tuenti | Compartir |

JPEG - 33.5 KB
Beatriz Tejada, coordinadora técnica de Er-Innova

Toca falar das amplas e firmes conexións entre as novas tecnoloxías da información e os recursos para acadar meirande sostibilidade enerxética nas nosas empresas, dous eidos de actividade que se apoian mutuamente de maneira case obrigada. Por dicilo doutra maneira, será ben difícil atopar unha compañía do sector das renovables ou do aforro enerxético que non bote man de software para acadar mellores obxectivos, do mesmo xeito que unha empresa TIC tenderá sempre a escoller aquilo que lle permita máis percorrido coa menor cantidade de combustible. Disto, de establecer meirandes conexións entre unhas e outras, trata en parte o proxecto europeo Er-Innova, alianza empresarial presentada hoxe na Tecnópole e chamada a dar acubillo a preto de cen empresas galego-portuguesas do sector das renovables. Durante a presentación da iniciativa, entre outras achegas, presentáronse ferramentas dixitais para o día a día das firmas deste tecido produtivo en espallamento.
Asemade, no transcurso da sesión técnica celebrada na sede da Tecnópole (xefe de fila do proxecto), déronse a coñecer polo miúdo os obxectivos da iniciativa, posta en marcha en 2009: incrementar a competitividade das pemes do sector, as condicións de traballo, o seu posicionamento no mercado e máis a implantación no seu seo de ferramentas baseadas nas novas tecnoloxías e deseñadas para atender ás súas necesidades de maneira específica.
Durante a xuntanza tamén se fixo fincapé no papel que xoga a iniciativa como avaliadora das necesidades e das carencias das empresas integrantes deste tecido produtivo, traballo que xa deu os seus primeiros resultados. Por exemplo, o deseño de dous tipos de ferramentas TIC de código aberto, labor adxudicado mediante concurso a tres consultoras galegas. Segundo conta a Tecnópole, o eido de actuación destes recursos será, en primeiro lugar, o da xestión para a optimización dos procesos empresariais básicos, a través de aplicacións de escritorio tales como sistemas de planificación de recursos empresariais (ERP) e de administración da relación cos clientes (CRM).
En segundo lugar, estase a traballar en ferramentas en liña orientadas a fomentar o traballo colectivo en investigación e a venda por Internet. O resultado de todo isto, engade o complexo empresarial galego, será unha plataforma web para a construción de proxectos colaborativos nas áreas de I+D e innovación, e para impulsar (tamén) “as transaccións on-line entre os distintos axentes que operan no mercado das enerxías renovables, con especial incidencia na implantación da factura electrónica”.
O proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea ao abeiro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013. O seu marco temporal é bianual (2009-2010) e conta cun financiamento total de 931.693,68 €, dos que o 75% procede dos FEDER.
Os socios do proxecto son, ademais de Tecnópole, a Asociación de Empresas Galegas dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET); a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, a través da súa Oficina de Programas Internacionais de I+D+i (OPIDi); e NET Novas Empresas e Tecnologias, S.A.-Business and Innovation Centre do Porto (NET-BIC Porto).

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68

 RSS