Esgotadas todas as entradas para #InLugo, que poderá seguirse en directo na Rede

luns, 4 de maio do 2015 Redacción

Esta fin de semana a Deputación de Lugo informou dun novo fito relacionado co seu encontro sobre redes sociais e Internet, o congreso #InLugo. Segundo lembra o organismo provincial, unha vez máis confirmouse o “interese xerado” polo evento que se vai celebrar os vindeiros 8 e 9 de maio, e novamente esgotouse en moi pouco tempo a totalidade das entradas dispoñíbeis: 200 prazas (o aforo límite do salón de actos do Pazo de San Marcos, sede da Deputación). Porén, para todos aqueles que non conseguiran praza, informarlles de que poderán seguir o evento en directo dende calquera parte do mundo a través da Rede, grazas á emisión en streaming que fornece a Fundación TIC.
Sinalar que esta opción en streaming, do mesmo xeito que no caso da modalidade presencial, será totalmente gratuíta. “Ademais”, engade a Deputación, “ofrecerase cumprida información a través das contas oficiais da cita nas distintas redes sociais”.
Segundo recorda o organismo provincial, o congreso é xa é unha cita de referencia no que se refire a cultura dixital. Nesta terceira edición contará con relatores destacados como Ignacio Escolar, director de eldiario.es; Núria Padrós, directora xeral de Ogilvy PR Barcelona; Diana Morales, responsábel de Estratexia en Redes Sociais de Telefónica; ou Alejandro Touriño, avogado especializado en Dereito e Redes Sociais.

PUBLICIDADE