Entra en funcionamento o Mapa TIC.gal, un punto de encontro na Rede para provedores e demandantes de tecnoloxía

venres, 20 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

Mar Pereira e Ana María Díaz presentaron o MapaTIC.gal

Con puntualidade inglesa, e co entusiasmo que a caracteriza cando se trata de falar de ferramentas de gran utilidade para tódolos galegos e galegas, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, presentou hoxe o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, unha plataforma virtual que servirá de punto de encontro na Rede entre empresas TIC e empresas doutros sectores que demandan solucións tecnolóxicas.
Este mapa TIC, que está integrado e funcionando xa na web do Centro Demostrador TIC da Xunta, contén un directorio categorizado de provedores, produtos e servizos tecnolóxicos con selo galego, que se irá completando a medida que as empresas interesadas, ben en ofrecer solucións tecnolóxicas ou ben en botar man das mesmas, se vaian rexistrando.
Desta maneira, tanto provedores como demandantes de solucións tecnolóxicas poderán botar man deste peculiar MapaTIC, moi doado de usar e moi intuitivo, que de entrada diríxese a “máis de 196.000 empresas de diferentes sectores produtivos e a máis de 222.000 autónomos”, segundo datos achegados pola entidade pública.
Na presentación da ferramenta tamén participou a directora xeral de Formación e Colocación, Ana Díaz, máis breve na súa intervención, que destacou a funcionalidade da plataforma á hora de facer ás nosas firmas “máis competitivas tanto aquí como no eido internacional”.
E é que este escaparate virtual, que dará servizo directo a máis de 1.800 empresas tecnolóxicas e máis de 2.260 empresas relacionadas coas TIC, abriralle as portas da innovación tecnolóxica ao resto de entidades do país, que precisarán modernizar as súas áreas para poder seguir sendo competitivas no mercado.
O mapa está estruturado en dúas áreas, unha de acceso público na que poden entrar tódolos internautas interesados, e outra accesible baixo clave de acceso, á que só poderán acceder aqueles provedores de tecnoloxías que se rexistraran previamente para dar a coñecer os seus produtos e servizos.
Asemade, as persoas demandantes de tecnoloxía que se rexistren no MapaTIC.gal, poderán acceder libremente á información personalizada dos provedores, con vistas a atopar os produtos ou servizos que mellor se adapten ás súas necesidades tecnolóxicas e poñerse en contacto con eles.
É por isto que ámbalas dúas representantes do Goberno galego salientaron a utilidade desta ferramenta virtual, ao “proporcionar un escenario ideal para crear oportunidades de negocio TIC local e permitir fomentar a cooperación intersectorial de cara a mellorar a competitividade do sector tecnolóxico galego”.
Esta plataforma súmase ao CDTIC de Galicia, un escaparate tecnolóxico físico posto a andar pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Consellería de Traballo e Benestar para facilitarlle ás empresas do sector os medios necesarios para dar a coñecer a súa oferta de produtos e servizos entre outros sectores produtivos que os puideran precisar.
As vantaxes da web respecto ao curmán físico (o CDTIC) radican, entre outras, na posibilidade de acceder dende calquera lugar e a calquera hora do día ás solucións que nos achegan as empresas rexistradas, sen ter que achegarnos persoalmente ata as instalacións do CNTG en Santiago de Compostela.

Imaxe do novo recurso en liña

PUBLICIDADE