En marcha xeoPesca, un proxecto para crear unha aplicación libre de utilidade para armadores e patróns

luns, 2 de setembro do 2013 Fernando Sarasketa

Este verán deuse a coñecer dende a nosa terra o xermolo dunha solución informática dirixida a acubillar rexistros da actividade pesqueira das flotas de barcos dos nosos armadores. O proxecto, chamado xeoPesca, vén da man dun proxecto de fin de carreira presentado por Pablo Belay Fernández na Universidade da Coruña, onde acadou, na súa defensa, unha avaliación de 9,5. A aplicación resultante, que se distribuirá baixo código libre, achega como dixemos a creación dun rexistro de actividade que, entre outras cousas, facilitaría o intercambio de información entre patrón e armador e achegaría análises completas sobre os recursos mariños (co fin de optimizar as capturas en función da experiencia previa rexistrada no sistema). Este cómputo de áreas de meirande presenza de recursos, sinala Pablo Belay, pode ser axustado en base a diferentes variábeis como son a temperatura, a dirección do vento ou a fase luar.
XeoPesca, presente xa na Forxa de Mancomún e con Twitter de seu, tamén amosa un importante potencial como factor de seguimento do produto ao longo da cadea de comercialización, xa que posibilita unha maior trazabilidade alimentaria. A aplicación xeoPesca permitirá tres diferentes roles na aplicación: os administradores do sistema, os armadores e os patróns. Os administradores realizan funcionalidades como a de dar de alta usuarios, xestionar as artes e especies permitidas no sistema. Os armadores poden xestionar os barcos e rexistrar patróns no sistema (tarefas precisas para levar un control da pesca e consultar os mapas das faenas). O patrón, sinala Pablo, é a peza principal do sistema e o responsábel de engadir a información pesqueira no sistema (información composta pola faena, os lances e as capturas de cada lance). A solución desenvolvida é unha aplicación web á que se lle deu corpo baixo a metodoloxía iterativa incremental. Entre as ferramentas empregadas destacan Java, PostGreSQL, PostGis, Hibernate Spatial,OpenLayers, Maven, GeoServer.

PUBLICIDADE