En marcha un novo medio en galego: o xornal en liña Vigo Dixital

luns, 1 de setembro do 2014 Fernando Sarasketa

Unha boa parte da actividade comunicadora galega regresa do parón do verán coa chegada de setembro e, con ela, un novo medio dixital en galego. Falamos de Vigo Dixital, novo diario en liña centrado como o seu nome indica na actualidade da principal cidade do país, xurdido das cinzas dunha chea de medios tradicionais (e non tan tradicionais) da nosa terra desaparecidos xa e co firme obxectivo (Vigo Dixital) de facer tres cousas: tirar o máximo proveito das posibilidades das novas correntes de comunicación en liña (participativas, colectivas, transparentes), informar en galego a tempo completo e achegarse á veciñanza tanto como sexa posíbel.
A idea fundamental sobre a que se apoia este novo medio é de combater “o silenciamento de toda voz crítica e o servilismo a cambio de subvención ou publicidade”. Con esta arela de liberdade e de independencia, din os responsábeis do novo xornal, quérese escindir a información do concepto de mercadoría no que está practicamente mergullada.
Segundo engaden no texto editorial que acompaña o arranque da andaina de Vigo Dixital (que desexamos sexa ben longa), este nace “para ofrecer outro tipo de información local”. En que medida? Pois para comezar, “sen servilismos e clientelismos” e en galego, que segue a ser a fin de contas o idioma propio e distintivo. E engaden, ao respecto desta aposta pola nosa lingua: “Facémolo pensando, precisamente, nese 92,8% de cidadás e cidadáns que recoñecen non teren ningunha —ou só algunha pequena— dificultade para ler no noso idioma, e como contribución para promocionar o seu uso social”.

PUBLICIDADE