En marcha dende Ourense unha innovadora tenda en liña especializada en smartphones e fundas

martes, 28 de xaneiro do 2014 Fernando Sarasketa

Este martes chéganos dende Ourense unha boa nova: a posta en marcha dunha tenda en liña, a primeira das súas características na provincia, especializada en smartphones e máis en fundas para estes dispositivos. A iniciativa vén da man de Pilar González Méndez, xerente e fundadora, e de Bruno Pérez Gómez, administrador e fundador. Preséntase co nome de Smartien e leva xa en activo dende a semana pasada, achegando servizos exclusivos de venda de telefonía móbil libre e complementos a través de Internet. Salientar que Pilar e Bruno son dous mozos galegos que viron xurdir, nas súas palabras, “unha oportunidade no cambio de tendencia do sector”.
E cal foi este cambio? Pois trátase dunha transformación que comezou a xerarse hai uns dous anos, cando as operadoras tradicionais abandonaron a estratexia comercial de agasallar teléfonos móbiles trala evolución ao smartphone, provocando un xiro de 180 graos no mercado. Segundo nos contan Pilar e Bruno, “cada vez son máis os usuarios de dispositivos que fan números e atopan a alternativa perfecta na contratación da súa liña de telefonía móbil cun operador virtual e a compra dun smartphone libre”. Na súa opinión, o aforro substancial e o bo trato ao cliente fan decisiva a combinación. Deste punto e desta tendencia nace precisamente o seu portal web, no que xa podemos adquirir os devanditos produtos especializados. De feito, Pilar e Bruno coinciden en situar como unha das claves da súa iniciativa a especialización. Por esta razón, comercializarán terminais de actualidade e de diferentes gamas e a prezos competitivos, incluíndo na súa oferta como “complemento perfecto” fundas de diversos deseños e cores. A súa intención a medio prazo é ampliar catálogo para chegar a máis perfís de clientes e así cubrir as súas necesidades. Asemade, os impulsores de Smartien son tamén seareiros das novidades do sector TIC, polo que contan tamén cun blog de novas orientado a ofrecer aos seus clientes información de utilidade e ao mesmo tempo “fomentar a participación na web”. O seu obxectivo primordial é ofrecer “un trato ao cliente personalizado e de calidade, atendendo a todas as súas dúbidas e xestións derivadas do proceso de compra”.

PUBLICIDADE