En marcha a primeira fase do proxecto turístico Smart Destinations Pontevedra

luns, 28 de xullo do 2014 Redacción

Captura do portal turismoriasbaixas.com

Como xa publicara Código Cero na súa edición en papel, número 118, no mes de xuño de 2013 presentouse aos medios de comunicación o proxecto Smart Destinations, proxecto que nacía coa finalidade de facer da provincia de Pontevedra “o primeiro destino turístico intelixente do país”. Smart Destinations presentábase como unha iniciativa para manter no tempo ao actual turista e captar outros novos, grazas á prestación de máis e mellores servizos por parte das empresas do sector turístico da provincia.
O proxecto Smart Destinations foi impulsado dende o servizo de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra xunto co servizo de Novas Tecnoloxías e en colaboración coa Escola de Organización Industrial (organismo que depende do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo), grazas á sinatura dun convenio entre ámbalas entidades, englobado dentro do Plan Nacional e Integral de Turismo do 2012-2015 da Secretaría de Estado de Turismo, e que conta cun financiamento de case 3 millóns de euros.
Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra, deu o pistoletazo de saída o pasado 27 de xuño, nun evento que contou con mais de 350 empresarios do sector turístico, a primeira das fases do proxecto Smart Destinations “A Orixe do Teu Destino”.
Fases e funcionalidades do proxecto
Tendo en conta a complexidade dun proxecto destas características decidiuse acometer a súa posta en marcha nun total de 4 fases co obxectivo de comezar a prestar servizos progresivamente a partires deste verán. As 4 fases nas que se divide a implantación desta plataforma pódense describilas do seguinte xeito:

  • Fase 1: Inicio do sistema de información turístico da provincia de Pontevedra. Esta fase inclúe a implantación do portal publico turismoriasbaixas.com xunto co portal dos profesionais do sector.
  • Fase 2: Turismo 2.0. Engade a integración con distintos intermediarios (Booking, Destinia, etc.) así como como a incorporación á plataforma dun xestor documental e multimedia.
  • Fase 3: Turismo 3.0 e observatorio turístico. Nesta fase incorporaranse funcionalidades ao portal público para a xestión de plans de viaxe do turista así como ferramentas de Business Inteligence para a explotación da información da plataforma.
  • Fase 4: Explotación e evolución do sistema destinada á captación dun maior número de usuarios.

Na data devandita púxose en marcha a primeira das fases do proxecto que engloba as tarefas de consultaría, na que se contou coa opinión do sector turístico, e o desenvolvemento dos módulos iniciais da plataforma como son o novo portal público para o turista (turismoriasbaixas.com) e o portal para o profesional do sector turístico entre outros.

Presentación do proxecto a cargo do presidente da Deputación Rafael Louzán

Para a consultaría, dende o servizo de Turismo Rías Baixas contactouse na fase inicial do proxecto con 1.815 empresas, visitando un total de 1.112 e a 38 asociacións de hostalaría e turismo realizando ante estes axentes unha descrición das principais funcionalidades da plataforma. Estas visitas tiveron como obxectivo acadar a adhesión de empresas do sector de cara a xestionar a súa oferta turística a través da plataforma. O 91% das empresas amosou a súa intención de adherirse ao proxecto e, tal e como afirmou o presidente Rafael Louzán o pasado 27 de xuño, "a día de hoxe, xa o fixo un 27% das empresas visitadas".
Ademais das actividades de consultaría, a primeira das fases conta coa posta en marcha dun portal web turístico e un portal web profesional, unha ferramenta de xestión de recursos turísticos para os técnicos do servizo de Turismo Rías Baixas, unha ferramenta baseada nun CRM e unha plataforma de interoperabilidade para a xestión das distintas comunicacións entre os propios módulos da plataforma e a conexión con terceiros.
Os portais web, tanto o turístico como o profesional, desenvolvéronse baixo a plataforma de portais utilizada na Deputación de Pontevedra; isto é, utilizando a solución Liferay 6.2 totalmente orientada á Web 2.0.
Portal web turístico e profesional
O portal web turístico posto en marcha nesta primeira fase, turismoriasbaixas.com, é o punto de contacto do usuario coa oferta turística das Rías Baixas no que poderá consultar toda a oferta de recursos turísticos existentes. A arquitectura da información deste portal web está estruturada segundo a tipoloxía da información. No apartado de Experiencias o turista pode atopar diferentes actividades e rutas posibles ao largo da provincia; na sección Descobre atópanse todos os recursos turísticos de Pontevedra debidamente categorizados (actualmente contase cun total de 5.772 recursos a disposición dos usuarios). No apartado Planifica, o usuario pode preparar a súa viaxe, e por último, na sección Escápate o usuario pode atopar promocións e ofertas que os propios axentes turísticos da provincia e os profesionais do sector poñen a disposición dos turistas. Dende calquera dos apartados do portal inclúese un acceso rápido á realización de Reservas tentando simplificar o proceso. É importante salientar que dende esta plataforma non se xestiona directamente a reserva senón que se facilitan atallos que permiten a formalización da mesma dende outras plataformas. Dentro do portal web, o turista conta cunha zona privada á que pode acceder a partir de formalizar o seu rexistro para planificar a súa viaxe e deixar a súas queixas, suxestións e informacións.
Desde o mesmo dominio, turismoriasbaixas.com, o sector empresarial turístico da provincia de Pontevedra conta co acceso ao portal web profesional baseado nun pequeno PMS (Property Management Systems). Mediante este parte profesional as empresas poderán xestionar os seus recursos turísticos e a dispoñibilidade temporal dos mesmos para poder consultalos posteriormente dende o portal web.
Toda esta plataforma web está a cumprir as pautas de accesibilidade para o contido web WCAG 2.0. e ten como principal novidade un deseño Flat Design baseado en paneis dinámicos que amosan a información estruturada acorde ás preferencias do turista e optimiza a usabilidade á navegación táctil dos dispositivos móbiles, smartphones e tablets.
É de salientar que toda a información existente no portal turismoriasbaixas.com, experiencias, rutas turísticas, recursos, etc., está integrada coas redes sociais Google +, Pinterest, Facebook e Twitter para que os usuarios poidan recomendar a información nos seus perfiles favorecendo de xeito expoñencial a divulgación da mesma.
Ferramenta de xestión de recursos
Para a actualización permanente da información dos recursos turísticos da provincia de Pontevedra dotouse á plataforma dunha ferramenta de xestión de recursos. Esta ferramenta está desenvolvida a medida, utilizando Java como linguaxe de programación, Oracle como xestor de base de datos e conta cun sistema de SSO (Single Sign-On) integrado co LDAP da propia Deputación de Pontevedra, a través do chamado protocolo CAS (Central Authentication Service).
CRM 2.0
Para o rexistro de toda a actividade producida polos turistas e o sector empresarial, a plataforma Smart Destinations intégrase cunha ferramenta CRM. Esta ferramenta tamén permite xestionar as comunicacións para o tratamento das queixas, suxestións e todo tipo de información relevante. Ademais, a través deste CRM o servizo de turismo Rías Baixas poderá xerar campañas de email marketing con información e ofertas personalizadas para os turistas dados de alta na plataforma.
Como solución de CRM da plataforma, optouse polo produto sugarCRM Communty Edition xunto coa ferramenta Intellixente da empresa 2Mares, que permite monitorizar as principais redes sociais utilizadas polos profesionais, conseguindo desta maneira ir máis aló dun modelo de CRM tradicional e ofrecer un CRM 2.0 fomentando as relacións colaborativas cos usuarios nas distintas redes sociais.
Plataforma de interoperabilidade
Por último, nesta primeira fase, e co obxectivo de xestionar as comunicacións entre os diferentes módulos, púxose en marcha a plataforma de interoperabilidade WSO2. Este produto non é unicamente un bus de integración (ESB), senón que ofrece distintas funcionalidades como un motor de mensaxeira, un motor de procesos de negocio, un motor de regras de negocio, o control e seguimento da actividade realizada, etc.
Neste intre, informa a Deputación, está moi avanzada a segunda fase do proxecto, que se define como Turismo 2.0 e que contempla a integración con distintos intermediarios (Booking, Destinia, etc.) para a difusión de información dos recursos turísticos da plataforma, xunto coa súa dispoñibilidade, permitindo realizar reservas a través dos mesmos. Esta integración realizarase a través da xa comentada plataforma de interoperabilidade da Deputación de Pontevedra.
A plataforma de integración tamén incluirá servizos internos para a comunicación coa Axencia de Turismo de Galicia de cara a compartir a información dos recursos turísticos da provincia de Pontevedra. Por último, esta fase contempla a integración da plataforma Smart Destinations coa ferramenta de xestión documental Filenet da Deputación de Pontevedra, para o tratamento da inxente cantidade de información coa que se traballa. No caso dos contidos multimedia contarase cun xestor de contidos no que xa se está a traballar, tebasCMS que permitirá, entre outras características, a organización e a propia edición nun único repositorio de toda información multimedia do proxecto.
Esta fase completarase coa creación de aplicacións móbiles para as plataformas IOS e Android que contarán con guías turísticas de cada unha das comarcas e recunchos da provincia. Estas aplicacións contarán coas mesmas funcionalidades para os turistas e para os profesionais que ofrece a plataforma de portais web. Ademais, incluirase unha aplicación da marca blanca mTrip que ofrecerá información dos recursos turísticos da plataforma xeolocalizados dende calquera punto da provincia e a posibilidade de compartir esta información nas redes sociais.
Na terceira fase darase un chimpo ó que se chama Turismo 3.0 coas melloras nas funcionalidades actuais do portal entorno ao perfil do turista e a realización dos seus plans de viaxe á medida das preferencias e tamén das súas posibilidades. En canto á parte dedicada aos profesionais, poranse en marcha ferramentas avanzadas de solicitude de campañas por parte de distintos colectivos, así como un módulo observatorio baseado en tecnoloxía Business Inteligence (BI) para a explotación de toda a información da plataforma. Esta solución está baseada en SAP Business Object e na ferramenta ETL Talend Open Studio para a integración dos datos de distintas fontes de orixe. Desta forma, as empresas turísticas e a Deputación de Pontevedra poderán apoiarse nesta ferramenta para a toma das decisións a prol da mellora do sector turístico e polo tanto da economía da provincia.
A cuarta e última fase do proxecto, e non por iso a menos importante, é a fase de captación de usuarios e explotación da información do sistema. Esta é unha etapa considerada clave na que se realizarán campañas de posicionamento SEO e SEM para a captación de usuarios.
Como sinalan Ruth González, xefa do servizo de Turismo Rías Baixas, e Amancio Varela, xefe do servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra, “coa posta en marcha do proxecto Smart Destinations a provincia de Pontevedra conta cunha das plataformas turísticas mais avanzadas a nivel nacional o que permitirá acadar o obxectivo de emprazar a Pontevedra como o primeiro destino intelixente de España”.

PUBLICIDADE