En marcha a nova web de Turismo Rías Baixas

mércores, 27 de xullo do 2016 Redacción

Este mércores botou a camiñar, definitivamente, a nova páxina de Turismo Rías Baixas, accesíbel en turismoriasbaixas.com. O sitio, que avanzamos a semana pasada nas súas liñas estratéxicas xerais (salientando que engade un extra de eficacia e comunicación con respecto á anterior proposta, amais de achegar melloras visuais e de contido), diríxese a pór en valor o destino Rías Baixas para impulsar o desenvolvemento e a creación de postos de traballo na provincia. Segundo explica a Deputación de Pontevedra, impulsora da iniciativa, estamos ante unha plataforma online elaborada por persoal propio da institución provincial e que non supuxo custos engadidos para as arcas provinciais.
A web foi presentada o pasado 22 de xullo e na cita cos medios de comunicación a presidenta da entidade provincial, Carmela Silva, fixo fincapé na importancia das TIC para convocar e atraer turistas. No caso concreto da nova páxina, o que se busca é “dar a coñecer todas as nosas potencialidades, captar a atención das usuarios e usuarios e contribuír a que as e os turistas, dende as súas casas, poidan planificar a viaxe ao destino Rías Baixas”.
Silva tamén aproveitou para destacar os puntos novos que pon en xogo a nova páxina en relación á proposta tecnolóxica previa, á que cualificou de plataforma “inútil para a promoción turística”, con información “de difícil acceso e disuasoria”, xa que “as usuarias e usuarios entraban unha vez e non regresaban máis”. Porén, dixo, a nova páxina está plenamente adaptada aos novos tempos e é “moito máis atractiva, de doado manexo, máis útil e, tamén, está en maior medida ceibe dos problemas técnicos que existían”.
Segundo engadiu, a web presentada “proporciona ás e aos turistas unha experiencia diferente que, amais, poderán confeccionar segundo os seus gustos e necesidades”. En concreto, a plataforma de forma automatizada fornecerá experiencias únicas acorde á estación do ano e permitirá introducir a maneira na que a e o turista desexa viaxar, ben sexa sen compañía ou en parella, en grupo ou con nenas e nenos, en primavera ou verán, etc.
Silva tamén lembrou que a través desta páxina os concellos son e serán pezas fundamentais dentro da estratexia turística que a Deputación de Pontevedra está a levar a cabo, e terán maior protagonismo e espazo propio para a promoción dos seus recursos turísticos. “Tamén ocuparán un lugar en portada os atractivos culturais, gastronómicos e deportivos da provincia, así como as novas e a axenda de eventos”, engadiu.

PUBLICIDADE