En marcha Trolldor, listaxe negra de usuarios conflitivos en redes sociais

mércores, 14 de maio do 2014 Fernando Sarasketa

Para quen ande preocupado polas redes sociais e as cousas que din nelas certos usuarios en maior ou menor medida anónimos sobre un amplo abano de cuestións delicadas (ou que lle toquen de preto na fibra sensíbel), dicirlle que xa está en marcha unha iniciativa chamada Trolldor que sería, coloquialmente falando e para entendérmonos, a primeira listaxe negra de usuarios conflitivos ou prexudiciais nas diferentes comunidades 2.0. Usuarios comunmente coñecidos como trolls e dos que calquera internauta con certa experiencia tivo que coñecer por forza algún exemplo, en sitios propios ou alleos. En palabras dos creadores do servizo, Trolldor “é a primeira blacklist mundial de trolls en Twitter”.
Trátase dunha ferramenta “totalmente gratuíta” e o obxectivo dos seus creadores é “o de facer de Twitter o espazo interesante e conciso que era, así como crear un marco de protección común que permita á comunidade illar cada vez máis a este tipo de usuarios”. O servizo en cuestión atópase xa operativo e preséntase a través de dous eixes de actividade principais. Por unha banda, permite que calquera usuario de Twitter poida reportar a outro, indicando o motivo polo que o propón para entrar na listaxe negra de Trolldor (precisará varios informes de usuarios diferentes para aparecer listado como Troll).
Por outra banda, teremos ao alcance da man, con cada procura pública, unha serie de indicadores sobre a actividade dun usuario concreto de Twitter, como por exemplo a media de chíos por día ou proporción entre rechíos e contido propio, entre outros datos. A idea é fornecer aos usuarios da ferramenta unha base para saber se un internauta vai ser respectuoso cos demais ou non.
Como dato curioso a ter en conta, os desenvolvedores do servizo tamén informan que “cren nas segundas oportunidades”. Ou sexa, que o sistem permite mediante petición ou desculpa que o usuario poida saír da listaxe negra. Na actualidade, Trolldor.com funciona só con contas de Twitter, pero os seus impulsores están xa a traballar “para dar cobertura aos usuarios de Facebook, para ampliar Trolldor con novas funcións e para chegar a acordos con coñecidas páxinas que permitan abrir o horizonte do marco de protección”.

PUBLICIDADE