En marcha Legaltium, plataforma web de consultas xurídicas de balde

martes, 3 de marzo do 2015 Redacción

Unha serie de despachos de avogados do ámbito estatal veñen de unir forzas para achegar un novo portal de consultas xurídicas con opción de balde. Trátase de Legaltium, en palabras dos seus responsábeis “unha web para dar respostas estudadas por profesionais respecto dos trámites xurídicos dos internautas”. Segundo engaden os seus creadores, o portal achega claves e información con posibilidade de solicitalas e recibilas de balde e da maneira “máis rápida e cómoda posíbel”. Para facer a nosa consulta, teremos que entrar en en Legaltium, escoller a temática do caso que teñamos entre mans e elixir a oficina máis próxima para escribir con detalle a nosa consulta.
O trámite, informan os impulsores do portal, pode facerse desde casa, a oficina ou mesmo desde o teléfono móbil sen necesidade de solicitar unha cita previa, desprazamentos ou esperas. Ademais, o portal ofrece a posibilidade de xuntar arquivos como notificacións oficiais, burofax, etc. para axudar ao profesional no estudo do caso. “Unha vez que se lanza a consulta, o despacho de avogados máis próximo estudaraa e remitiralle ao internauta a viabilidade do caso sen ningún compromiso”, sinálase.
O obxectivo do portal, en última instancia, é contribuír a que os cidadáns superen os atrancos (medo, desconfianza) que lles impiden abrir un trámite legal coas actuais plataformas. “Legaltium”, din os seus creadores, “supera as ditas barreiras cunha rede nacional de avogados que se unen para mellorar a súa función comercial e rendibilizar a mercadotecnia online”.
Isto polo que respecta aos cidadáns. No que atinxe aos propios avogados, a plataforma diríxese a fornecelos dunha “ferramenta con moito potencial respecto doutros medios en liña como páxinas de anuncios, directorios de pago, páxinas de aterraxe, etc”. Doutra banda, engádese, “os despachos conseguen mellorar a súa reputación corporativa co uso dunha marca con funcionamento en exclusiva sen esixir pagos de canons ou licenzas como o puidese facer unha franquía”.

PUBLICIDADE