En 2013 triplicouse a cantidade de programas maliciosos móbiles

xoves, 9 de xaneiro do 2014 Fernando Sarasketa

As conclusións que podemos tirar do acontecido en 2013 en materia de malware son, palabras máis palabras menos, moi semellantes ás que puidemos extraer de 2012. Cambian, iso si, as cifras. No ano que vimos de deixar atrás todo é máis desproporcionado. Tamén cambia algo o obxectivo perseguido polos criminais: agora son máis os móbiles ca calquera outra cousa. Pola contra, a nivel xenérico permanecen as mesmas conclusións. Por exemplo: o mundo do malware móbil en calquera das súas manifestacións aseméllase cada vez máis ao das ameazas nos computadores persoais en canto aos métodos aplicados polos criminais.
Outra conclusión: o nivel técnico os creadores de malware sempre están un pouco por diante da tecnoloxía de seguridade. E máis outra: en moitas ocasións, apenas hai grandes diferenzas entre unha empresa que fai estes programas e outra que fai programas legais. Polo que respecta aos númeroa, segundo o informe recente de Kaspersky Lab, Informe sobre a tendencia en seguridade TIC en 2013, a cantidade de programas maliciosos móbiles triplicouse chegando ás 148.778 mostras de malware. Na devandita investigación dise tamén que en 2013 o problema da seguridade dos smatphones e as tablets agravouse moito polo crecemento cuantitativo e cualitativo das ameazas móbiles: “Se 2011 foi o ano no que se estableceu o malware móbil e 2012 converteuse no do desenvolvemento da súa variedade, 2013 foi o ano do inicio da súa madurez”.
No que respecta aos sistemas operativos móbiles vulnerábeis, en 2013 non houbo grandes cambios. Android continúa sendo aquilo polo que máis devecen os cibercriminais. De feito, abrangue o 98,05% de ataques a dispositivos móbiles. As razóns disto hai que rastrexalas por unha parte no seu espallamento, xa que segue a ser líder de mercado. Ademais, presenta unha arquitectura aberta, libre para quen queira meterlle man ou facer aplicacións sobre a súa base, e ao mesmo tempo que se dan traballos en beneficio da xente, dánse outros en beneficio dos petos duns poucos desenvolvedores (e a costa dos cartos dos demais).
Segundo se engade no informe, do total de aplicacións maliciosas o 62% son elementos de botnets móbiles cunha gran funcionalidade. E apúntase: “A tendencia bancaria que está a tomar o desenvolvemento dos programas maliciosos móbiles é clara; os escritores de virus están pendentes do desenvolvemento dos servizos de banca móbil e tras a infección, verifican se o smartphone está vinculado a unha tarxeta bancaria”.

PUBLICIDADE