Empresas xurdidas da USC colaboran na creación de software científico

mércores, 3 de decembro do 2014 Redacción

Ángel Piñeiro nun laboratorio da Facultade de Física

O estudo da estrutura e as interaccións entre moléculas a través da computación é o que une a tres compañías tecnolóxicas xurdidas da Universidade de Santiago que na actualidade están a buscar sinerxías entre a tecnoloxía que desenvolven cadansúa, complementaria entre si, para conseguir crear un software que complete os procesos que leva a cabo cada unha pero sen perder a súa propia identidade empresarial.
Recentemente a spin-off da USC Software 4 Science Developments (S4SD), autora de AFFINImeter, un software pioneiro internacionalmente e que complementa as funcionalidades do que teñen por defecto os equipos de laboratorio, comezou a colaboración con MestreLab Research, unha compañía nacida no Departamento de Química Orgánica da USC (na que foi spin-off) que conta con recoñecido prestixio internacional grazas á súa experiencia no desenvolvemento de software de análise de espectros de Resonancia Magnética Nuclear. O seu produto estrela Mnova, con máis de setenta mil clientes, é un referente nos laboratorios de investigación químicos e farmacéuticos de todo o mundo.
No caso de S4SD, emprazada no Edificio Emprendia e á cabeza da cal está o profesor da USC Ángel Piñeiro, o apoio da USC e do CESGA foi determinante na súa posta en marcha a través de asesoramento técnico, participación no desenvolvemento e soporte de cómputo dos cálculos requiridos por AFFINImeter. S4SD foi creada por membros do Grupo de Materia Branda e Biofísica Molecular da USC e especialízase no desenvolvemento de software científico e metodoloxías experimentais para aplicacións biolóxicas, biofísicas e químicas.
Á colaboración entre estas dúas compañías xurdidas na Universidade, que se concreta no desenvolvemento dunha nova aplicación destinada ao estudo de propiedades moleculares de interese en diversas industrias, sumarase MD.Use Innovations, a piques de constituírse como spin-off da USC coa investigadora Rebeca García-Fandiño como promotora e que se dedicará á prestación de servizos de consultaría para a aplicación de simulacións computacionais de Dinámica Molecular como alternativa e complemento dos métodos experimentais tradicionais.
Por outra banda, S4SD e MestreLab Research acordaron recentemente a entrada da segunda no capital da spin-off da USC, no que representa unha alianza estratéxica para as dúas empresas xa que a tecnoloxía de AFFINImeter é aplicable ás técnicas de RMN nas que MestreLab está especializada.

PUBLICIDADE