Empresas e expertos TIC desvelarán en SITE 2010 o miolo das novas tendencias dixitais

martes, 7 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Recibidor do recinto de Expocoruña, sede de SITE 2010

A curva de actividade dos congresos tecnolóxico-dixitais semella que volve ser ascendente, en parte grazas a un proceso xeral de reestruturación de formas e contidos a (paralelo á reestruturación da Rede mesma, participativa até o miolo) e en parte debido ás achegas específicas de eventos referenciais. Por exemplo as do salón-congreso SITE, que se celebra este ano os días 17 e 18 de novembro no recinto de Expocoruña e que vai dirixido a converterse nun espazo de análise e predición da tecnoloxía que chega e da que aínda nin sequera chegou. Dito doutro xeito: SITE 2010 quere ser máis que nunca un lugar onde as redes máis innovadoras se explican e se expoñen.
En termos da organización (Expocoruña, Cámara de Comercio da Coruña, Xunta de Galicia e Caixa Galicia), o gran obxectivo da edición deste ano é crear na cidade galega “un punto de encontro para innovación na banca, o comercio electrónico e as administracións públicas, amais de achegar un escaparate no que descubrir as tecnoloxías máis prometedoras”. Para acadalo, e xa nun eido máis concreto, fíxose todo o posible por atraer a algúns dos especialistas de meirande renome no eido actual da innovación do coñecemento, como por exemplo Chris Skinner, recoñecido experto en novas ferramentas aplicadas aos servizos financeiros.
Skinner, que será o encargado de abrir o apartado de relatorios, falará polo miúdo dos desafíos aos que se enfrontan as entidades financeiras europeas perante un contorno de crise (ou de post crise) como o que vivimos arestora. Por certo que este eixe temático do parón produtivo internacional e das diferentes claves para saír del será un dos alicerces fundamentais do SITE, un evento que se divide en dúas metades: o salón mesmo onde as empresas e os patrocinadores participantes darán a coñecer os seus produtos e servizos e o congreso SITE, a liña paralela de actividade que inaugurará Chris Skinner e que contará con algúns dos expertos máis salientables en modelos e solucións tecnolóxicas para o pulo empresarial.
Outro dos eixes temáticos será a progresiva dixitalización de canto nos rodea a nivel administrativo, corporativo ou simplemente comunicacional, proceso que muda as estruturas convencionais nas que se relacionan cidadáns e institucións, empresas e clientes, e que obriga en certa medida a algo máis que a unha simple adaptación. No caso da concorrencia no mercado, obríganos a adiantarnos á realidade dixital mesma.
En xogo está, infórmase dende o SITE, está a nosa capacidade para romper fronteiras (proceso clave na actividade empresarial de hoxe) e para competir no eido estatal e internacional. Máis polo miúdo, estes serán os temas fundamentais a tratar no salón-congreso: comercio e transaccións electrónicas (internacionalización), tecnoloxía financeira e innovación no sector público.

SITE Congreso
Como se dixo, SITE 2010 desenvolverase en Expocoruña a dous niveis: por unha banda a través dun salón expositivo e por outra mediante actividades de intercambio directo de coñecemento entre expertos e asistentes. Este segundo nivel contará coa presenza de Chris Skinner, experto na análise dos servizos financeiros e colaborador habitual de medios de comunicación de todo o mundo. Skinner, coñecido tamén polo mantemento do blog The FinanSer, participou como relator en conferencias como a SWIFT’’s Sibos ou no encontro Financial Times, onde compartiu espazo de actividade con Gary Hamel, Michael Porter ou Bill Gates. A continuación, damos conta do programa do congreso.
Día 17 de novembro
· 09.00-10.00 h Rexistro
· 10.00-11.00 h Conferencia inaugural:
Desafíos para os bancos europeos nun entorno de crise e post crise, a cargo de Chris Skinner, Balatro Ltd
· 11.00-11.30 h Coffee break
· 11.30-12.30 h Inauguración oficial e visita a feira de autoridades
· 12.30-14.30 h Tecnoloxía para a internacionalización
· 14.30-16.00 h Buffet Lunch Break
· 16.00-18.30 h Interoperabilidade coas Administracións Públicas
· 18.30-19.00 h Visita á feira
· 19.00 h Networking tapas
Día 18 de novembro
· 08.30-09.00 h Networking Coffee
· 09.00-11.00 h Modelos de Desenvolvemento Tecnolóxico en Banca
· 11.00-11.30 h Coffee break
· 11.30-13.00 h Supervisión, Seguridade e Regulación
· 13.00-14.00 h Avances tecnolóxicos para un mundo de transaccións
· 14.00-15.30 h Buffet Lunch Break
· 15.30-17.30 h Os "roadmaps" das empresas máis innovadoras
· 17.30-18.30 h Conferencia de Clausura
· 18.30-19.00 h Conclusións
· 19.00-20.00 h Cóctel de Clausura SITE 2010

PUBLICIDADE