Emetel, elixida por IBM como empresa referente no eido da seguridade

martes, 21 de outubro do 2014 Redacción

Manuel Lago, director xeral de Emetel

Emetel Sistemas, empresa galega centrada en tecnoloxías avanzadas de comunicacións, vén de ser seleccionada por IBM Software España para representar á vangarda TIC estatal en seguridade no evento SmartZone #START015 incluído no Congreso IBM Software, que se celebrará o vindeiro 19 de novembro no Palacio dos Deportes de Madrid, baixo a lema A New Era of Smart. Como dixemos, a participación da firma galega na dita actividade débese en boa medida á súa experiencia en protección tecnolóxica. Ao fío disto, Emetel abordará no evento cuestións xenéricas e outras máis específicas como as súas plataformas intelixentes de seguridade a través do sistema QRadar.
Lembrar que QRadar é unha solución para a xestión de sucesos e información de seguridade, xestión de rexistros, detección de anomalías, investigación de incidentes e control e manexo da configuración e das vulnerabilidades.
Manuel Lago, director xeral da empresa con sede en Oleiros (A Coruña), salienta ao fío da súa participación no evento de IBM que a filosofía de Emetel “está completamente aliñada cos obxectivos das sociedades que apostan polo cambio”. Asemade, e facendo referencia aos porqués de ter sido elixidos pola multinacional para amosar a tecnoloxía de seu, destaca que “os máis de 20 anos de experiencia de Emetel valéronlle esta distinción por parte da compañía estadounidense, que entende que a empresa ofrece servizos avanzados de detección de ameazas con maior facilidade de uso para os seus clientes e un custo total de propiedade máis accesíbel”.
Por certo que o lema A New Era of Smart do encontro de IBM diríxese a abordar os novos tempos dos negocios e o seu xeito de funcionar no novo mercado. De aí que amais da seguridade informática, tamén se aborden no devandito encontro temáticas como a computación na nube, a mobilidade, os grandes datos ou analítica, ademais das redes sociais e as solucións intelixentes. IBM contará cun “embaixador referente” de cada segmento que dará a súa visión do mercado actual. O evento será conducido polo alpinista e explorador Jesús Calleja e por Diego Segre, vicepresidente de IBM Software para España, Portugal, Grecia e Israel.

PUBLICIDADE