Elisa Martín, de IBM, desvelará na USC os camiños novos do coñecemento

xoves, 14 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

A relatora, nun acto recente organizado e rexistrado polo Instituto de Enxeñaría do Coñecemento

O día 19 de xullo, a Escola Superior de Enxeñaría de Santiago vai dar acollida a unha conferencia da multinacional IBM. A cita, que vén da man do Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información da USC, contará coa presenza de Elisa Martín Garijo, enxeñeira da Academia de Tecnoloxía da devandita compañía norteamericana. O relatorio de Elisa Martín, que dará comezo arredor das 12.30 horas no salón de actos da ETSE, desenvolverase arredor dos novos camiños que achega o eido dixital de hoxe para a Ciencia da Información.

Elisa Martín Garijo é directora de Tecnoloxía e Innovación de IBM España e CTO de Industria na rexión do Sur de Europa. É especialista en sistemas de grandes empresas, arquitecturas web e integracións de aplicacións. Participou no deseño e posta en marcha de solucións multicanles, arquitecturas de empresa e sistemas específicos de desenvolvemento. Arestora esta especializada na evolución estratéxica dos sistemas integrando os sistemas dixitais coas infraestruturas físicas dentro das iniciativas Smart (para a mellora do transporte a través da innovación) e máis polo miúdo na área de cidades intelixentes.

PUBLICIDADE