El Cosmonauta: un proxecto de filme que busca converter os internautas en produtores
martes 30 de xuño do 2009, por | |
| Compartir |
Entre os filmes que se dan a coñecer estes días no blog de Curtas na Rede atopamos unha produción encamiñada (en palabras dos seus creadores) a rachar con todo o que deu de si a ultimamente empantanada produción cinematográfica española. Falamos e El cosmonauta, unha longametraxe que, sen selo, pois aínda é un proxecto, xa case dá tanto que falar coma se o fora. Enleadas aparte, e segundo se nos conta no dito blog, trátase dun filme de ciencia ficción de principio até o fin. Ou sexa: non só é innovador o seu miolo temático, senón tamén o seu método de financiamento. A fórmula adoptada para cubrir as devanditas necesidades é a seguinte: a estratexia do crowd-funding. O termo en cuestión non di nada así meramente exposto, pero a cousa cambia se miramos pola Web exemplos desta práctica de sufragamento e a quen pertencen os casos máis salientables: ás ONGs de toda a vida e, hoxe sobre todo, a todos aqueles proxectos culturais, sociais ou empresariais que, a mantenta ou non, procuran unha vía de apoio alternativa ao das entidades bancarias.
Conclusión: do que se trata é de presentármonos en Internet, a través dunha web ou un blog, e buscar financiamento a cambio de participar nos beneficios. Por esta vía é por onde se moven os responsables de El Cosmonauta: na de converter á comunidade internauta en produtora.
E todo por unha contribución mínima de dous euros. Entre outras cousas, estes cartos daranlles aos financiadores dereito a deixar pegada nos títulos de crédito, a contar cun número único para participar no sorte do traxe de cosmonauta auténtico que se usará na rodaxe e a recibir un welcome pack (material variado de promoción). Por certo que os responsables da longametraxe tamén queren recoñecer amplamente a quen se sinta en meirande disposición de achegar máis apoios: achegando unha cifra que vaia alén dos 1.000 euros estaremos converténdonos en investidoras ou investidores, o que nos dá dereito a un contrato de sociedade de participación para así ter oportunidade de recibir a nosa parte de beneficios que xere a película.
O proxecto, que é todo Creative Commons (poderémolo copiar, distribuír e remesturar sempre e cando recoñezamos a autoría), está a ser posible grazas a Riot Cinema Collective. A película estará dirixida por Nicolás Alcalá e o seu argumento xirará arredor dun cosmonauta ruso a piques de selo, Stan, quen afronta a súa primeira viaxe ao espazo (a primeira experiencia directa de Rusia coa Lúa) con dous grandes pensamentos na cabeza: a viaxe en si mesma (todo un acontecemento) e Yulia, a muller do director da misión, actual amante de Stan. E segue: “Dous días despois de despegar a nave perde toda comunicación. Durante sete meses o seu amigo Andrei o busca desesperadamente, pero sen resultado algún. Un día a nave volve á Terra pero sen rastro do cosmonauta. O misterio comeza cando nunha serie de retransmisións Stan fala dende un lugar descoñecido. Di haber volto á Terra, só que esta está baleira...”
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68














