EGANET funda un consorcio de empresas para o comercio electrónico

mércores, 27 de xuño do 2012 Raquel Noya

A Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías, EGANET, vén de constituír no seu seo un consorcio de comercio electrónico formado por doce empresas socias, que ten como obxectivo “sumar forzas e coñecementos para aumentar as posibilidades do sector TIC galego neste nicho de negocio, que ten cada vez maior relevancia”, precisan.
Esta iniciativa, pioneira en Galicia, responde a unha necesidade de unión e traballo conxunto das empresas en torno á Rede, aproveitando de paso as vantaxes do comercio electrónico e poñéndoas a disposición de tódolos sectores produtivos interesados, dende os negocios máis locais ata as grandes empresas con vías abertas no exterior.
Segundo afirman os seus promotores, “durante este ano 2012, o comercio electrónico foi un dos eixos principais do traballo de EGANET”, que se intensificou cando foi escollida como entidade colaboradora do programa B2C de Red.es a finais de 2011, e que se vén de consolidar agora coa constitución deste consorcio, ratificado pola Xunta Directiva da Asociación.
Alén de unir os seus esforzos, as empresas que conforman este grupo aseguran ter o obxectivo de conseguir proxectos de gran calado nos que traballar de forma colectiva, o que, segundo din, “aumentará as súas capacidades individuais e terá como resultado produtos de máis calidade e variedade”.
A maiores, a iniciativa servirá como plataforma de divulgación dos beneficios que o comercio electrónico pode achegar ás empresas de todo o tecido produtivo galego, de maneira que se poderá “contaxiar” ao resto da comunidade empresarial para que o usen no día a día.
O voceiro do consorcio vai ser Daniel Cerqueiro, de Galinus Taller de Novos Medios, quen agarda que “esta iniciativa sirva de impulso ao comercio electrónico como canle preferente de comercialización de moitas empresas en Galicia".
A creación do consorcio supón tamén unha mellora das posibilidades das empresas á hora de abordar proxectos máis aló de Galicia, a nivel estatal e internacional, pois falamos dun campo transversal e transfronteirizo, polo que o grupo agarda que o traballo que leven a cabo “aumente e facilite a capacidade de internacionalización dos seus membros”.
A firmas que inicialmente entraron a formar parte deste grupo son: Agalip, Explica Ingenieros, Deza Business, Galicia Digital, Galinus Taller de Novos Medios, Hacce Soluciones TIC, Lanaútica, Movendo, PéZcalo, Primate, Tagen Ata e Tesla Technologies.

PUBLICIDADE