Edisa amosará as vantaxes do seu software na feira Alimentaria de Barcelona

venres, 3 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

A empresa galega Edisa, da que falamos recentemente para informar das súas achegas á Universitat Politècnica de Catalunya, segue a facer mundo na súa estratexia de impulso e promoción de Libra, software de xestión propio, múltiple, dirixido a subministrarlles funcionalidade e rendibilidade ás empresas. Libra e as súas novidades recentes, a día de hoxe implantando en máis de 500 compañías dos máis variados sectores, será a base da participación de Edisa na feira internacional Alimentaria 2012, a celebrar en Barcelona, un dos salóns máis importantes do mundo dentro do seu ámbito de actividade.
Edisa, que contará con stand propio (B-96), valora moi positivamente a súa presenza en Alimentaria, tanto pola súa implicación e influencia na industria (están presentes os principais operadores internacionais da fabricación e distribución alimentaria) como polas xanelas que abre de cara ao futuro do sector, que pasan, de xeito inevitábel, pola máxima comunicación e colaboración coas empresas das novas tecnoloxías dixitais, é o caso de Edisa. A empresa galega xoga neste senso con especial vantaxe, posto que na súa carteira de clientes atópase un bo feixe de firmas, medianas e grandes, pertencentes ao sector agroalimentario, tanto de España como de Latinoamérica, e cubrindo tódolos elos da cadea de produción (sector primario, industrial, distribución, venda, servizos).

PUBLICIDADE