Ecoloxistas e membros das ANPAS de Lugo pídenlle á Xunta que substitúa nas aulas o Wi-Fi polo cable
xoves 9 de febreiro do 2012, por |
As novas tecnoloxías da información teñen unha chea de vantaxes formativas, isto xa case ninguén o dubida, pero a cousa non semella estar tan clara no que atinxe aos accesos sen fíos a esas novas tecnoloxías da información, para algúns un xeito áxil e cómodo de conectármonos ao coñecemento, para outros unha tecnoloxía que ben pode substituírse por outras, sobre todo se temos nenos de por medio. Nesta última liña veñen de situarse as ANPAS de Lugo, APDR e ADEGA, que, facendo fronte común arredor dos posíbeis riscos que pode ocasionar nos adolescentes e nenos a permanente radiación electromagnética do Wi-Fi, pídenlle á Consellería de Educación que reemprace o acceso sen fíos do Proxecto Abalar, nas aulas, por outro que sexa probadamente máis inocuo.
Ao seu xuízo, nada hai que obrigue a manter esta tecnoloxía nas escolas, e máis tendo en conta que a exposición continua ao Wi-Fi, din, “pode causar graves danos á saúde como recoñece a Axencia Internacional de Investigación do Cancro, dependente da Organización Mundial da Saúde”. O propio Consello de Europa, engaden, recomendou o pasado mes de maio que se levasen a cabo accións inmediatas para minimizar o tempo de exposición a este tipo de radiacións, sobre todo entre as novas xeracións, por estar estas en proceso de crecemento e, polo tanto, ser máis vulnerábeis. Os ditos colectivos, en realidade, non piden que se cancele o Proxecto Abalar senón que se fagan os cambios precisos de tecnoloxía para que as aulas sexan os máis saudábeis posíbeis. Por exemplo: apostando polo cable no canto do Wi-Fi. Ao mesmo tempo, valórase de xeito positivo a achega do Proxecto Abalar, que se apoia na dixitalización das aulas e que tira partido do software galego: “O proxecto”, dise, “ ten como obxectivo a integración plena das TIC na práctica educativa en Galiza, o que é imprescindíbel para o bo desenvolvemento dos rapaces na sociedade actual e futura; por iso, dende ADEGA, a APDR e as ANPAS de Lugo, concordando cos obxectivos de Abalar, cremos que sería posíbel modificar o sistema de acceso á rede nas aulas para, ademais de garantir un ensino de calidade, non poñer en risco a saúde dos cativos”.
As tres organizacións pídenlle á Xunta que tome medidas semellantes ás que levaron á práctica países como Francia, Inglaterra, Alemaña, Austria, Suíza, Canadá ou Estados Unidos, onde, segundo as organizacións, xa se prohibiu o emprego do Wi-Fi nas escolas, substituíndoo polo cable.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com
















