EGATEL sitúase á cabeza da innovación nas empresas galegas

xoves, 30 de xullo do 2015 Redacción

EGATEL foi recoñecida no informe ARDÁN 2015 como a empresa máis innovadora de Galicia. É a única empresa galega que conseguiu alcanzar a categoría ouro dentro do ranking de Innovación establecido no informe Económico e de Competitividade elaborado polo consorcio da ZFV co apoio da Axencia Galega de Innovación.
Nos últimos anos EGATEL desenvolveu unha ambiciosa estratexia empresarial centrada na Innovación. Como resultado, a empresa conseguiu afianzarse nos mercados nos que xa estaba presente e continuar a súa expansión internacional a través dunha constante evolución tecnolóxica dos seus produtos. Así mesmo, EGATEL logrou diversificar a súa carteira de produtos e entrar en novos mercados, como consecuencia dun intenso esforzo e asignación de recursos de I+D destinados a transferir o know-how que posúe a compañía na tecnoloxía dixital e de radiofrecuencia a outros sectores.
A innovación é un factor clave cando se opera nun sector tan competitivo como o TIC e nunha economía globalizada. Por este motivo, EGATEL colaborou nos últimos anos en múltiples proxectos de Innovación con outras empresas, establecendo sinerxías que permitiron acelerar o desenvolvemento de produtos e o seu lanzamento ao mercado. EGATEL dedica máis do 35% do seu persoal de maneira exclusiva a actividades de I+D+i, principalmente no ámbito das comunicacións por radio frecuencia.
O recoñecemento que obtivo EGATEL como empresa galega máis innovadora non é froito da casualidade, senón dun firme compromiso coa excelencia tecnolóxica e constante procura de novas oportunidades de negocio nos sectores de broadcast e satcom.

PUBLICIDADE