EGATEL amosará en Las Vegas a súa aposta para as comunicacións vía satélite

martes, 31 de marzo do 2015 Redacción

A empresa galega EGATEL, referente internacional en materia de equipamento e servizos de telecomunicacións, vén de confirmar que estará presente os días vindeiros en Las Vegas, Estados Unidos, no marco do salón NAB Show 2015 (entre o 13 e o 16 de abril), amosando os seus transmisores de TV de alta frecuencia e banda ancha e máis os detalles concretos de Smart LNB, un desenvolvemento de seu co que reafirma “a súa entrada no mercado SatCom”, sinalan fontes de EGATEL.
Por certo que Smart LNB é un terminal desenvolvido para Eutelsat Communications, principal operador europeo de satélites, e un dos tres maiores do mundo. Trátase dun dispositivo que permite achegar servizos de TV conectada vía satélite. Como lembraremos, EGATEL xuntou forzar con Eutelsat para converterse en provedor de equipos para a televisión interactiva.
Na cita de Las Vegas, onde EGATEL xa é unha vella coñecida, a firma galega terá o seu centro de operacións na caseta SU10107. Como dixemos, dende alí amosaranse os detalles dos seus transmisores de TV de alta frecuencia e banda ancha da serie WHET (Wideband High Efficiency Transmitters), tanto na súa modalidade de refrixeración líquida como a de aire. Tamén se exhibirá o terminal Smart LNB, un equipo de última xeración fortalecido cun novo transceptor conectado á antena parabólica e que dispón dunha canle de retorno de alta eficiencia. Segundo avanza a firma galega, “o dispositivo revolucionará o mercado SatCom, ao abrir a porta a unha ampla gama de servizos de TV conectada vía satélite como HbbTV, redes sociais, operacións de compra, consumo de contidos á carta, etc; así como a aplicacións Machine to Machine (M2M), e-saúde, fogar dixital, etc”.
Como exemplo da serie WHET refrixeración líquida mostrarase un Transmisor Doherty - Banda Ancha de 3,3 kWrms DVB/ISDB (5 kWrms ATSC), modelo TLWH7804. “Este equipo caracterízase polo seu deseño completamente modular e inclúe un sistema de bombas integrado no mesmo rack que o transmisor”, explican fontes de EGATEL, que engaden que a solución é quen de optimizar o investimento e o deseño das instalacións”.
En refrixeración por aire, tamén dentro da serie WHET, presentarase un Transmisor Doherty
- Banda Ancha de 600 Wrms DVB/ISDB (1 kWrms ATSC), modelo TUWH4601, en funcionamento real sobre carga. Segundo explica a empresa con sede na Tecnópole de Ourense, “o deseño dos amplificadores desta serie inclúe aspectos que sintetizan todo o coñecemento adquirido de EGATEL, evitando a circulación de aire por placas ou compoñentes, redundando fontes de alimentación extraíbeis polo frontal ou dispondo os ventiladores na parte exterior para unha sinxela substitución sen necesidade de abrir o módulo”.

PUBLICIDADE