EGANET confirma a súa participación na presentación do proxecto para acadar o .gal

venres, 25 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

Víctor López, presidente de EGANET, durante a entrega dos premios da asociaciónA obtención dun dominio propiamente noso, o .gal, está en xogo. De feito, cómpre lembrar que está a piques de ser remitido ao ICANN, o organismo do que depende a consecución deste tipo de distintivos de procedencia na Rede (entre outras cousas), o proxecto para acadarmos o dominio propio, co fin de que se valore e estude. O proxecto e a iniciativa popular e institucional que o fixo posíbel (Asociación PuntoGal) van ser presentados o vindeiro martes 29 ás 12 horas no Auditorio da Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura. EGANET vén de confirmar na súa web a súa “participación activa” no acto, que se suma ao seu apoio pasado, presente e futuro á iniciativa por enteiro.
EGANET estará na devandita a través do seu presidente, Víctor López, que falará nunha mesa redonda sobre os beneficios e vantaxes que tería o devandito dominio para a nosa cultura e para as nosas actividades empresariais (distintivo e selo de marca). Á súa beira estarán o subdirector de Código Cero e tesoureiro de PuntoGal, Marcus Fernández, o presidente da Fundació PuntCat , Jordi Iparraguirre, e outros representantes do sector TIC que apoian e traballan neste proxecto de dominio galego. Haberá tamén presenza institucional a través da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), que igualmente se involucrou coa iniciativa PuntoGal co apoio do Consello da Xunta.
Como dixemos, a mesa redonda xirará arredor das posibilidades e vantaxes que un dominio propio abriría no sector empresarial das TIC, na sociedade e na cidadanía do noso país. Segundo informa EGANET reflectindo información da asociación, as cifras de adhesións e apoios que manexa a asociación son altamente esperanzadoras e un dos puntos fortes da candidatura, con 110 entidades adheridas de diversos ámbitos: as tres universidades galegas, o Consello da Cultura, a RAG ou 20 centros de emigrantes galegos afincados tanto noutros puntos do Estado como en diversos países (Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, Arxentina, Estados Unidos, Uruguai, Brasil...). Para darlle o último pulo, máis de 12.000 persoas asinaron a petición virtual de apoio.

PUBLICIDADE