EGANET achega recursos sobre os novos modelos de propiedade intelectual da era das redes

xoves, 2 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

Víctor López, presidente de EGANET

EGANET quere achegar máis información sobre a responsabilidade na creación e deseño de programas informáticos, un eido legal no que aínda fican moitos baleiros de datos por cubrir, e máis se temos en conta que a Sociedade da Información estase a erguer perante os nosos ollos, coma quen di, facéndose cada día. Para ir abrindo camiño nesta liña informativa, EGANET convoca aos profesionais dos medios ao seu almorzo de traballo sobre Propiedade Intelectual no Novo Ámbito Dixital, un encontro no que colabora a multinacional Clarke, Modet & Cº e que contará coa presenza activa de José Luis Sagarduy, director de Desenvolvemento de Negocio desta compañía.
Asemade, Sagarduy é integrante do equipo de árbitros e mediadores do Centro de Arbitraxe e Mediación da Organización Mundial da Propiedade Intelectual (OMPI). O almorzo, que se celebra este xoves 2 de decembro no ITE Caixa Galicia de Santiago, a partir das 9 horas, xirará arredor dos novos modelos de negocio e novos produtos que xorden ao abeiro das redes, novas achegas coas que “mudan os conceptos tradicionais de autoría e de propiedade intelectual”, informa EGANET.
Ademais de Sagarduy, participarán na xornada o presidente de EGANET, Víctor López, e máis o xerente de Clarke, Modet & Cº, José Manuel Freire. Este é o programa da xornada:
9:00 h Acreditacións e café de benvida
9:30 h Apertura da xornada
Víctor López
Presidente de Eganet
José Manuel Freire
Xerente Santiago de Compostela, Clarke, Modet & Cº
9:45 h A propiedade intelectual no ámbito dixital
José Luis Sagarduy
Director de Desenvolvemento de Negocio de Clarke, Modet & Cº
10:45 h Coloquio

PUBLICIDADE