Dous traballos sobre seguridade multimedia da Universidade de Vigo premiados no eido internacional
venres 4 de novembro do 2011, por |

- O catedrático Fernando Pérez é coautor dos dous artigos
A investigación galega vén de obter esta
semana dous importantes recoñecementos no panorama internacional. Máis polo miúdo,
o impulso perante a comunidade mundial de I+D foille dado a dous traballos
desenvolvidos por investigadores da Universidade de Vigo sobre seguridade
multimedia. Trátase de dous estudos xurdidos da Escola de Enxeñaría de
Telecomunicación e que teñen unha base común na participación activa do
catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións, Fernando Pérez,
coautor dos artigos, quen salienta hoxe na
web da Universidade de Vigo que “estes
premios supoñen a confirmación de que o noso traballo en seguridade multimedia,
área na que temos contribuído durante os últimos 15 anos, está ao máximo nivel
internacional”.
Polo que respecta ao primeiro dos textos
galardoados, dicir que está asinado polo devandito catedrático vigués e máis
por Pedro Comesaña, doutor na Universidade de Vigo, e con Chaouki Abdallah,
catedrático na University of New Mexico. A investigación foi dada a coñecer na
décima edición do International Workshop
of Digital Forensics and Watermarking, celebrado en Atlantic City (EE UU)
onde foi obxecto do premio ao mellor artigo dos presentados no simposio. As razóns
do premio débense á vontade multidisciplinar do traballo e máis ao seu potencial
para unir mundos en aparencia afastados: o control automático e a seguridade
multimedia. O texto en cuestión titúlase Witsenhausen’’s counterexample and
its links with multimedia security problems.
Polo que atinxe ao outra investigación
recoñecida internacionalmente, dicir que vén da man de Juan Antonio Elices,
quen obtivo a distinción na categoría de mellor artigo dos estudantes no marco
do evento IEEE International Workshop on
Information Forensics and Security, celebrado en Foz de Iguaçu (Brasil). Segundo
informa a Universidade de Vigo, o artigo tamén conta coas achegas do devandito
Fernando Pérez e de Carmela Troncoso, da Universidade Católica de Lovaina. O
título do traballo é Fingerprinting Tor’’s Hidden Service Log Files Using a
Timing Channel e a través del proponse unha solución “para conseguir deixar pegadas en ordenadores de usuarios que se
esconden tras redes anonimizadoras". Por exemplo, apunta Fernando
Pérez, “as pegadas poden servir como
elemento probatorio de que un usuario permite descargas de ficheiros de
pornografía infantil dende un determinado ordenador”.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com
















