
–Cando e por que xorde a AGC CCT?
-Curiosamente a idea de crear unha asociación como a nosa naceu en Pamplona. No ano 2010 celebrouse nesa cidade o V Congreso de Comunicación Social da Ciencia. Alí coincidimos un bo número de divulgadores galegos, e nas charlas de corredor xurdiu a idea. Pero non foi ata abril de 2011 cando botamos a andar o proxecto. Fíxose unha convocatoria aberta aos posibles interesados, e para nosa sorpresa xuntámonos trinta divulgadores no CGAC en Santiago que fundamos a asociación.
–O nome non é pouco impronunciable…
-Si o é … (ri). Estas letras, ademais de ser o acrónimo da nosa asociación tamén o son de dous aminoácidos. Para evitar este trabalinguas decidimos empregar o nome de DivulgACCIÓN, que tamén o enderezo da nosa páxina web.
–Que clase de actividades desenvolvedes en DivulgACCIÓN?
-Temos un pouco de todo. Fixemos xornadas abertas ao público para compartir experiencias e formación, divulgamos a pé de rúa en varias vilas nos nosos Puntos Científicos, fixemos algunha visita guiada especial para socios ou mesmo argallamos unha sesión golfa en Vigo da xente de The Big Van Theory.
–Hai algunha iniciativa que promoverades neste tempo e da que vos sintades especialmente orgullosos?
-Eu destacaría dúas. Unha son os Puntos Científicos que vos comentei antes. Levamos no sangue a querencia por chegar a xente. Así que nos Puntos Científicos un grupo de entusiastas socios disfrazámonos e poñémonos a facer divulgación a pé de rúa. Xa o fixemos en Ourense, Carnota e en A Coruña. A outra iniciativa coa que estamos moi ilusionados é Divulga na Escola. Moitos dos nosos socios xa viñan dando charlas e obradoiros polos colexios e institutos do pais, pero nós detectamos que a información estaba moi dispersa. Así que creamos unha listaxe que facilita que os centros coñezan todas as posibilidades que teñen de fichar unha divulgadora ou divulgador para unha actividade concreta.
–Que perfil hai que ter para se facer un socio?
-Un dos puntos fortes de DivulgACCIÓN é que temos unha grande biodiversidade. Forman parte da nosa asociación profesores universitarios, investigadores, profesionais dos medios de comunicación, profesores de instituto, actores, xente dedicada ó tempo libre, persoal de museos,… temos de todo. Esta gran rede de contactos é algo que valoran moito os nosos socios. O noso denominador común é a paixón pola divulgación da ciencia e a tecnoloxía, e as ganas e compromiso por facela coa máxima calidade. Calquera que se sinta identificado con isto é benvido.
–Como cualificarías o estado da divulgación e comunicación da I+D+i en Galicia?
-En Galicia temos a sorte de contar cuns profesionais moi potentes no eido da divulgación. E o mellor de todo é que seguen a aparecer iniciativas de divulgación. Nestes tempos actuais o problema co que nos atopamos é que é complicado atopar financiamento para as diferentes iniciativas de cultura científica. Mesmo diría que o reto está en consolidar os proxectos. Nos consideramos a cultura científica como fundamental para a cidadanía, pero non temos claro que as institucións, empresas ou administración o vexan así.
Divulgadores e científicos galegos xuntan forzas en DivulgACCIÓN
Compartir Este Artigo

