Dispoñíbel xa a nova versión de LibreOffice, a 5.2

venres, 12 de agosto do 2016 Redacción

Xa está dispoñíbel e en galego a versión 5.2 de LibreOffice, a suite ofimática de licenza aberta e alternativa referencial e libre aos produtos de Microsoft. Segundo puidemos saber, a nova versión actualízase con varias novidades e podemos descargala para os sistemas operativos máis habituais (Linux, Mac OS X e Windows). Entre as principais novidades, segundo reflicte Mancomún, está o soporte para clasificación de documentos seguindo o estándar TSCP (Transglobal Secure Collaboration Program) que permite clasificar os documentos segundo a súa confidencialidade e establecer quen pode ter acceso a eles segundo os criterios marcados dentro dunha organización.
Tamén cómpre salientar o soporte para varias sinaturas dixitais nun documento, posibilitando a importación e exportación das mesmas en formato OOXML. Asemade, subiuse un novo chanzo na optimización da compatibilidade con formatos privativos, de feito incorporouse para esta versión 5.2 unha mellora importante no soporte de XLS/XLSX, o que axuda nos procesos de migración a esta suite ofimática dende outras contornas privativas.

PUBLICIDADE