Dispárase a cifra de empresas que empregan as redes sociais para comunicarse

martes, 15 de xullo do 2014 Redacción

A axencia Medialuna vén de dar a coñecer, a través do seu II Observatorio, os hábitos máis comúns das empresas máis relevantes do Estado en materia de uso de redes sociais. A investigación apunta a que aumentou aínda máis a cifra de compañías que as empregan para comunicarse. Por outra banda, en caso de facelo (en caso de tirar partido dos servizos 2.0 para estar en contacto co mundo) a tendencia é a de que artellen os seus contidos por áreas temáticas, “tendo máis dun perfil en cada rede social para falar de cuestións específicas en cada unha delas”, sinálase no II Observatorio de Medialuna. Nel tamén se indica o seguinte dato concreto: a gran maioría das empresas do IBEX 35 (o 94%) usan as comunidades en liña para dialogar con outras e por suposto cos clientes.
Neste senso, Twitter segue sendo a máis empregada (31 das devanditas compañías conta con perfil activo neste servizo) e YouTube a que máis medra. En Facebook conversan decote 27 corporacións. A porcentaxe de empresas do IBEX 35 que tiraban partido das redes sociais en 2013 era do 86%.
O estudo, a raíz da análise do tipo de contidos achegado, sinala que se aprecia “unha maior segmentación a través da creación de novos perfís temáticos”. Deste xeito, aos perfís corporativos (nos que se realizan publicacións sobre resultados, novos proxectos, ampliación de establecementos ou presentación de novas coleccións), engádense outros novos especializados en cuestións moi variadas. Ou sexa, que cada vez é máis frecuente atopar perfís centrados en temas culturais, gastronómicos, deportivos ou laborais, “nos que baixo o paraugas da empresa que os acubilla fálase de asuntos específicos e dirixidos a colectivos moi concretos”. En definitiva, búscase chegar aos cidadáns dunha forma “máis próxima e máis humana”, explícase.
En comparación ao pasado ano, os responsábeis da investigación viron como as compañías están a incorporar cada vez máis fotografías, infografías ou vídeos nas súas publicacións. YouTube é a rede que máis medre experimentou neste último ano: dos 24 perfís oficiais abertos en 2013, pasouse a 29. Con todo, as actualizacións realizadas a través desta Rede son menores que as que as empresas realizan en Twitter ou Facebook, engádese.

PUBLICIDADE