Dinahosting estrea un acurtador de enderezos web

venres, 11 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

A empresa compostelá especializada en dominios de Internet e servizos de hospedaxe web Dinahosting comunicou a través de Twitter e Facebook que vén de estrear un servizo acurtador de enderezos de páxinas web (URL) baixo o dominio ir.gl, de xeito que os usuarios que desexen comunicar un longo enderezo web poden contar cunha versión acurtada válida para comunicar por vía telefónica ou en redes sociais coma Twitter (nas que as mensaxes teñen unha limitación de caracteres).
Por exemplo, se queremos recomendar o artigo da nosa páxina web sobre a nova alianza entre Nokia e Microsoft publicado no enderezo http://codigocero.com/Os-smartphones-de-Nokia teriamos o problema de que tal ligazón ocupa 45 carácteres, deixándonos só 95 carácteres para escribir a descrición debida en Twitter, pero se empregamos o novo servizo de Dinahosting podemos deixar a ligazón nun breve http://ir.gl/nokia, co que gañariamos 27 carácteres (aínda que o normal é aforrar aínda máis letras, pois os enderezos profundos en redes sociais e páxinas web de medios de comunicación tenden a ser moi longos).
Ir.gl destaca fronte a moitos dos seus competidores no feito de que, aparte de permitir acurtar un enderezo con só pegalo e dar a un botón, tamén conta con opcións avanzadas nas que podes personalizar o enderezo curto, establecer unha data de caducidade para o mesmo ou incluso pórlle un contrasinal.
O servizo tamén incorpora estatísticas e tamén unha listaxe coas ligazóns curtas máis populares.

PUBLICIDADE