Dinahosting convértese na primeira empresa en achegar servidores baixo Windows Server 2012

xoves, 13 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

A empresa Dinahosting segue a ampliar mercado e actividade dende a súa sede de Santiago en dirección cara ao mundo. Se hai pouco falabamos en Código Cero do recoñecemento ao seu labor recibido de mans da consultora británica Netcraft ou da presentación do seu acurtador de enderezos web, agora é a quenda dunha novidade relativa ao seu posicionamento con respecto ás restantes empresas do eido estatal que tamén traballan co mesmo que Dinahosting (hosting, aloxamento, servidores, etc). De feito, a empresa santiaguesa é a primeira en fornecer para o mercado español a nova versión do sistema operativo para servidores de Microsoft: Windows Server 2012. E todo isto, só unha semana despois do lanzamento oficial deste servizo.
Con esta novidade, sinalan fontes da firma con sede no barrio de Vista Alegre, Dinahosting afiánzase na súa capacidade de líder no sector nacional ao acompañar o lanzamento mundial do dito produto (un dos máis estratéxicos para a computación da nube da firma de Windows). Con isto, engade, “a comunidade de desenvolvemento española do ecosistema de Microsoft, consegue acceder con escasos días de diferenza ás últimas novidades tecnolóxicas que incorpora Windows Server 2012 nas súas edicións Standard e Datacenter”. Para Carlos Suárez, director técnico de Dinahosting, “o obxectivo é continuarmos a levar a iniciativa en canto a desenvolvemento propio e liderando as solucións 100% nativas baixo plataformas Windows: xa o fixemos no seu momento sendo os primeiros en ofrecer SLQ Server 2012 e volvémolo a facer agora con Windows Server 2012”. De feito, sinala, estamos ante unha estratexia que lle valeu a Dinahosting ser elixida por Microsoft como mellor empresa hoster do pasado ano 2011.

PUBLICIDADE