Desenvolvedores galegos impulsan unha aplicación que nos axuda a escapar do que nos fai improdutivos, a app Kiply

luns, 2 de marzo do 2015 Fernando Sarasketa

Temos o tempo que temos, nin máis nin menos. A cuestión non é tanto incrementalo (cousa difícil) como organizalo e xestionalo mellor. Isto podémolo facer nós menos, non hai dúbida, pero tamén podemos permitir a entrada en xogo de apoios tecnolóxicos que poñan en xogo a parte de cabeciña que nós polos motivos que sexan non queiramos ou non poidamos dar. A ferramenta móbil Kiply, unha aplicación dispoñíbel dende principios de ano da man da startup galega do mesmo nome, constitúe en boa maneira unha prolongación eficaz de nós mesmos. Segundo nos contan os seus desenvolvedores, Kiply foi creada ante todo para incrementar a produtividade persoal dos usuarios de dispositivos. Para acadalo, integra tecnoloxía, metodoloxía e un terceiro factor que sempre é de agradecer: consellos para unha vida mellor. Neste caso concreto, unha vida máis produtiva.
Falamos con José Higinio Cánovas Losada (CEO de Kiply) e Ricardo Cacheda Rodríguez (director de Operacións) para que nos conten en máis detalle como é que Kiply pode sacarlle punta ao noso día a día persoal e profesional.
-Por que unha ferramenta que nos axude a organizar o tempo? Credes que é unha tendencia xeral iso de que moitos de nós supostamente teñamos problemas para administrar mellor o tempo que adicamos a traballar? Que cousas son as que nos impiden unha boa organización do tempo?
-Ó longo da nosa experiencia profesional en distintos países decatámonos de que a xente perde moito tempo en actividades pouco produtivas coma ler o correo demasiadas veces ó día, reunións pouco eficaces, interrupcións, etc. Ademais disto, hai xente moi boa que non é quen de demostrar o que vale e que, polo tanto, non recibe o recoñecemento que se merece. Creamos Kiply para dar resposta á necesidade dunha ferramenta que axude ós profesionais a xestionar o seu tempo e a aprender de xeito personalizado, así como a avaliar de forma obxectiva o seu desempeño. Todo isto co obxectivo de mellorar a súa produtividade persoal e, á vez, a súa vida profesional e persoal.
-Que inclúe Kiply? Consellos, recomendacións ou cousas de índole máis práctica?
-A versión gratuíta de Kiply inclúe un informe semanal no que se resume a actividade do usuario cando emprega dispositivos electrónicos coma PC, tableta ou smartphone. Grazas ó informe, o usuario pode coñecer as tarefas nas que inviste máis tempo, cales son os seus hábitos de traballo e a súa evolución diaria. A todo isto hai que engadir un consello semanal que axuda ó usuario a aprender e mellorar de forma sinxela. Deste xeito, pode coñecer os seus hábitos produtivos e xestionar mellor o seu tempo. Neste momento tamén está dispoñible unha versión para empresas que inclúe moitas máis funcionalidades coma xestión de equipos, técnicas de gamificación ou un adestrador persoal de produtividade.
-Diciades recentemente que Kiply tamén achega seguridade e privacidade. Que relación ten isto coa rendibilidade no traballo? Pode a falta de seguridade repercutir nunha boa xestión da nosa actividade profesional?
-Garantir a seguridade dos nosos usuarios e respectar a súa privacidade é a base do noso compromiso ético. A diferenza da nosa competencia, en Kiply empregamos unha férrea infraestrutura de seguridade para garantir a protección de tódolos nosos usuarios. En todo intre o usuario é quen decide o uso que se fai da súa información persoal. Cremos que dar estas garantías de seguridade é fundamental para que confíen na nosa ferramenta e para que desempeñen a súa actividade profesional sen risco de que a súa información sexa empregada dun xeito que eles non desexan.
-Kiply está a día de hoxe en versión beta, para cando unha versión definitiva ou estábel? Para cando para Android?
-Nestes momentos seguimos traballando en mellorar a versión gratuíta para poder ofrecer máis funcionalidades ós nosos usuarios e agardamos que estea rematada a finais do mes de marzo. A versión para Android estará dispoñible no mes de xuño e, ó igual que a versión para Windows, poderá descargarse a través da nosa páxina web www.kiply.com. Ademais disto, agardamos lanzar a versión estándar a mediados e abril que, a cambio dunha pequena cota mensual, ofrece maiores funcionalidades coma a posibilidade de descargar os datos, fixar obxectivos persoais ou crear proxectos de actividades.
-Podemos usalo no PC ou unicamente en dispositivos móbiles?
-Polo momento só está dispoñible a versión de Kiply para Windows, pero a partir de xuño poderá descargarse a versión para Android e no futuro agardamos que estea dispoñible tamén para iOS. A nosa idea é que calquera usuario, con independencia dos dispositivos e sistemas operativos que empregue, poda gozar dos beneficios de Kiply.
-Como funciona Kiply unha vez que o descargamos? É certo que nos envía informes da nosa actividade? Que podemos facer con estes informes sobre os nosos hábitos? Kiply tennos ao tanto de cando comezamos a mellorar?
-Unha vez descargado e activado Kiply, o usuario comeza a recoller información sobre a súa actividade de forma automática. Cada luns, recibe no seu correo electrónico un informe co resumo da súa actividade semanal no que pode saber como e de que maneira inviste o seu tempo, ademais de aprender grazas ós consellos. Analizando a súa información, cada usuario pode coñecer os seus hábitos produtivos, detectando as actitudes que debe mudar e as que debe reforzar para xestionar o seu día a día con máis eficiencia. Semana a semana, ve a súa evolución e pode marcarse novos obxectivos co fin de mellorar a súa produtividade persoal.
-Tendes proxectado incluír algunha novidade a maiores na ferramenta?
-O noso principal obxectivo nestes intres é perfeccionar o servizo de Kiply de balde, mellorando o deseño e a información que ofrece o informe semanal. Estamos a traballar tamén nun panel persoal accesible dende a web no que os usuarios podan consultar os seus datos máis polo miúdo e personalizar a información que desexan recibir no informe semanal. Ó longo do 2015 iremos lanzando outras versións de Kiply, estas xa de pago, que inclúen moitas máis funcionalidades coma técnicas de gamificación, xestión de equipos ou fixar obxectivos persoais.
-Din nos foros os usuarios da aplicación que está destaca pola súa sinxeleza. Isto foi premeditado? Foi a vosa intención achegar unha ferramenta ante todo simple e doada de usar? É necesario ter coñecementos tecnolóxicos avanzados para empregala?
-Buscamos un deseño coidado e sinxelo para facilitar a usabilidade e a navegación. O principal obxectivo de Kiply é ser útil e, para iso, unha visualización de datos clara e sinxela é fundamental. Intentamos construír unha ferramenta moi intuitiva para que calquera persoa, independentemente do seu nivel de coñecementos tecnolóxicos, sexa quen de empregala.
-A quen se dirixe sobre todo Kiply? A que tipo de profesionais?
-O noso mercado obxectivo son os traballadores da información, dende os freelancers ou autónomos e pequenas empresas, ata as empresas de máis de 50 empregados. Calquera profesional que faga uso intensivo de ordenadores e/ou dispositivos móbiles para o desempeño do seu traballo diario pode entrar na nosa web www.kiply.com e comezar a mellorar a súa produtividade persoal.

PUBLICIDADE