Deputación e Concello de Lugo bótanse este sábado á rúa para recoller testemuños dos maiores e inmortalizalos na Rede

venres, 30 de setembro do 2016 Redacción

A Deputación e Concello de Lugo veñen de anunciar a súa iniciativa conxunta para conmemorar o Día Internacional das Persoas Maiores, que se celebra este sábado 1 de outubro, con accións de balde na praza Maior. As actividades (que foron dadas a coñecer polo vicepresidente Álvaro Santos e a alcaldesa Lara Méndez) consistirán en obradoiros de fotografía e do proxecto Memoria Dixital, que desenvolve a Fundación TIC (Deputación). Segundo fixo saber Santos Ramos, un dos alicerces da celebración será insistir e afondar nas moitas vantaxes das novas tecnoloxías para fomentar o envellecemento saudábel. Esta é base, por exemplo, do programa de accións formativas InLugo, da dita Fundación, do que falamos recentemente para salientar o interese xerado polas súas propostas entre a poboación. Por certo que a través do obradoiro do proxecto Memoria Dixital convidarase aos maiores a inmortalizar na Rede as súas vivencias.
Santos avanzou que “sairemos á rúa para que a sociedade coñeza a grande labor social que desenvolvemos dende a Fundación TIC”. Un traballo avalado, dixo, “pola alta demanda que hai dos cursos do InLugo, no que as prazas se esgotan en escasas horas”.
Serán dous obradoiros a desenvolver en horario de 17:00 a 19:00 horas diante da casa consistorial. Haberá un espazo no que todas as persoas interesadas poderán participar no programa Memoria Dixital Lugo, “un proxecto no que temos depositadas moitas ilusións porque entre todos lucenses estamos a crear un arquivo audiovisual de recordos sen precedentes na nosa provincia”. Neste caso, convídase a calquera persoa interesada que se achegue pola praza Maior a “contar os seus recordos”. Un equipo da TIC gravará o seu testemuño, que ficará recollido en www.memoriadixitallugo.es.
Ademais, haberá un obradoiro de fotografía para os maiores que incluirá un photocall. Segundo Santos, “os cursos e obradoiros de imaxe son, xunto aos relacionados co uso do móbil, os máis demandados polos usuarios das actividades que imparte o InLugo, tanto na súa sede en Lugo como en toda a provincia”. Tamén lembrou que a Fundación TIC desenvolverá no último trimestre deste ano 29 obradoiros ao abeiro de InLugo, cun total de 393 prazas, así como o programa Alimentatic con 15 obradoiros sobre alimentación saudábel e novas tecnoloxías, que estarán distribuídos en todas as comarcas da provincia.

PUBLICIDADE