Dahlia TV quere converterse nunha plataforma de TDT de pago en España

martes, 6 de novembro do 2007 Marcus Fernández

En vista da posible reforma da lexislación que regula a explotación da Televisión Dixital Terrestre (TDT), nace Dahlia TV, que é unha plataforma independente que pretende axudar ás canles de televisión a ofrecer contidos de pago para o que os usuarios deberían mercar un sintonizador dun prezo que estaría entre os 69 e os 80 euros, ó que se lle instalaría unha tarxeta Dahlia que permitiría a selección dos programas que quixeran ver.
Dahlia TV está en conversas coas canles de televisión actuais para implantar esta solución de TDT de pago como a acontece noutros países europeos coma Suecia, Finlandia, Italia e Holanda.
A solución tecnolóxica proposta podería servir tanto para mercar o acceso a canles completas como a eventos de pago por visión (que mesmo se poderían pagar mediante SMS).
Dende Dahlia estiman que tralo apagón analóxico a súa plataforma podería contar con 5 ou 6 canles de pago, xa que as actuais televisións en aberto son concesionarias de varias canles de TDT (normalmente 4 cada unha) de xeito que poderían ver neste servizo un novo xeito de rendibilizar as súas emisións.
Lembremos que a TDT de pago en España xa existiu na desaparecida plataforma Quiero TV.

PUBLICIDADE