DICO 2017 quere ser unha macro-palestra da innovación galega arredor dos contidos dixitais

mércores, 11 de xaneiro do 2017 Fernando Sarasketa

A nosa terra vaise converter este mes de xaneiro, os días 24 e 25, na capital internacional dos contidos dixitais. E, tamén, das portas empresariais que se abren grazas á actividade de creación e distribución destes contidos dixitais: unha manchea de oportunidades que nós os galegos non podemos deixar escapar. Precisamente para que estas oportunidades non se vaian lonxe, veñen de unir forzas dúas das nosas principais plataformas empresariais, o Clúster TIC Galicia e o Clúster Audiovisual Galega, quen xunto coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, decidiron pór en marcha o evento de carácter internacional DIgitalCOntents (DICO) Summit 2017, previsto para as devanditas xornadas do 24 e 25 na Cidade da Cultura de Santiago (Edificio CINC). No congreso DICO 2017, inserido no marco do programa Viraxe TIC, participarán unha chea de entidades e profesionais dos ámbitos galego, estatal e europeo, tanto das TIC como do audiovisual como da ampla marxe de actividade onde se xuntan estes eidos.
O evento, unha macro-palestra das principais novidades sobre contidos dixitais e a súa repercusión en novos modelos de negocio, xa ten aberto o prazo para inscribírmonos nel. Será, en palabras das empresas e profesionais ás que lles toca máis de preto o miolo temático de DICO, como por exemplo R, “unha experiencia para obtermos formación e información de xente moi coñecida”. Por exemplo dos representantes de compañías referenciais como por exemplo Technicolor e Nokia, que xa confirmaron a súa presenza no congreso.
“DICO Summit 2017”, informan os organizadores a respecto da propia natureza “visionaria” da xuntanza, “é moito máis ca un evento, é unha xanela a un futuro mellor, un escaparate para ver e deixarse ver, unha ocasión única para coñecer as últimas tendencias en contidos dixitais, entender como repercuten nos novos modelos de negocio e valorar o seu papel como dinamizador dos distintos sectores económicos”. Coa finalidade de fortalecer estes obxectivos, non só se fomentará a participación e interacción entre profesionais e empresas da economía dixital e tecnolóxica, senón que tamén se fará todo posíbel por atraer o máximo número de estudantes, en definitiva os vindeiros valedores dos contidos dixitais.
Nun plano máis concreto, sinalar que as xornadas arrincarán o día 24 de xaneiro con paneis temáticos sobre cuestións como a información e a transformación dixital; o novo concepto de televisión e plataformas audiovisuais, os videoxogos, as tecnoloxías de base ou os casos de éxito en determinados eidos da economía dixital. Este bloque arrincará cun relatorio sobre contidos dixitais nun mundo conectado. Máis tarde, falarase das novas plataformas de contidos e os novos mercados que xorden ao seu redor. Logo do descanso “para recuperar forzas”, será a quenda da presentación de DICOTube (Da túa cámara ao mundo) e, ao fío das 13.15 horas, do potencial dos contidos dixitais para gañar a partida en cuestión de estratexias de adquisición de público. As sesións desta xornada pecharanse pola tarde cun achegando ás bases para os contidos dixitais do futuro (arredor das 16.00 horas) e cun percorrido (sobre as 17.30 horas) polo fenómeno da produción audiovisual en plena era dixital. O sábado, a xornada abrirase cunha mesa redonda sobre economía dixital e proseguirá logo cunha aproximación á realidade do turista dixital (Viaxes, cultura e patrimonio a un clic de distancia). De seguido, os relatores meterannos no miolo da interacción futura entre docencia e contidos (arredor das 12.45 horas) e no emprendemento no sector (13.45 horas). O congreso pechará coa entrega dos premios Na procura do talento dixital.

JPEG - 116.3 KB
O evento desenvolverase no edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia

Por suposto, o DICO non remata no programa de paneis-relatorios. De feito, estes paneis de intervencións de entidades e profesionais de referencia (do ámbito estatal e europeo) constituirá o primeiro de catro bloques de actividades complementarias. O segundo é o espazo de exhibición (showroom), no que os asistentes terán a oportunidade de dar conta das tecnoloxías que, en palabras da organización, “marcarán o futuro dos contidos dixitais e as súas aplicacións prácticas”.
En terceiro lugar, as empresas participantes terán á súa disposición un espazo de networking, habilitado de maneira específica para “fomentar o intercambio de coñecemento entre empresas e profesionais co obxectivo estreitar ligazóns e fomentar acordos e colaboracións dentro do mundo dixital”.
Por último, impulsarase o talento local a través do devandito concurso Na procura do talento dixital, un certame para recoñecer e visualizar ideas relacionadas con novos proxectos no eido dos contidos dixitais. A intención dos organizadores é tirar proveito desta actividade para topar as mellores propostas de emprendemento, achegadas por mozas e mozos de entre 14 e 30 anos.
Segundo lembrou os días pasados AMTEGA, a web da iniciativa, dicosummit.gal, atópase arestora en pleno proceso de fornecemento de novas informacións e actualizacións, a medida que se axuste o programa e se sumen entidades e profesionais. Este labor da páxina web compleméntase cunha intensa campaña informativa artellada nas redes sociais das tres entidades organizadoras. As entidades interesadas nesta iniciativa poden poñerse en contacto coa organización a través do enderezo electrónico info@dicosummit.gal.

PUBLICIDADE