Culturgal 2012 dará acubillo a 140 actividades de participación, unha boa parte delas ligadas ás TIC

mércores, 7 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

Presentación de Culturgal en rolda de prensa

Tal e como avanzamos este martes 6, a edición 2012 de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia, xa está plenamente definida. Celebrarase unha vez máis no Pazo da Cultura de Pontevedra, desta volta do 30 de novembro ao 2 de decembro, con acceso de balde e xirando, tematicamente, arredor das seguintes cuestións: música, literatura, cinema, televisión, teatro, danza, circo, maxia e (colléndonos ben de preto) novas tecnoloxías da información. Contarase cun orzamento inicial de 250 mil euros, un 15% menos que en 2011. Ao fío disto, a organización sinalou na rolda de prensa deste martes que Culturgal constrúese cun 25% do orzamento medio de calquera outro evento da maneira. Sobre a cuestión que nos ocupa, as novas ferramentas (TIC), sinalar que se contará unha vez máis coa colaboración de EGANET e darase acubillo a dez actividades directamente relacionadas coa cuestión, amais de unha longa listaxe de accións (obradoiros, relatorios, menús degustación) ligadas de xeito indirecto.
Culturgal contará con 70 entidades expoñendo os seus produtos e servizos na feira, máis de 300 profesionais acreditados, unha programación profesional con máis de 40 de relatores nacionais e internacionais e máis de 140 actividades para todos os públicos, “o fogar da cultura galega que é Culturgal segue asentándose como o máis completo espazo de encontro e difusión do sector cultural galego”, segundo afirmou no encontro cos medios da información Sergio Lago, director da Feira. Desas máis de 140 actividades (10 máis có ano pasado), 83 son para público xeral, 28 para familiar e 26 para profesional. Por disciplinas: 35 están relacionadas coas artes escénicas, 31 coa música, 28 están co libro, 10 co audiovisual, 10 con TIC e 23 conxugan varias destas disciplinas. Lago recordou que se trata dun programa “construído colectivamente por todo o sector: 88 entidades propuxeron 156 actividades para o programa oficial de Culturgal 2012, o programa familiar realizouse en colaboración coa comunidade educativa local, medio cento de asociacións e colectivos traballaron con nós man a man do deseño do programa do Foro Culturgal e moitas delas aproveitarán a Feira para celebrar os seus propios encontros e asambleas”.
Do programa xeral, á vista na web de Culturgal, Lago salientou o asento definitivo das conversas de salón, que este ano realizarán os xornalistas Xosé Manuel Pereiro, María Solar, Alberto Ramos e Belén López e que contarán coa presenza, entre outros moitos, de Luís Tosar, Ignacio Escolar, Agustín Fernández Paz, Manuel Lourenzo González, Teresa Moure, María Reimóndez e Rexina Vega. Tamén visitará o salón de Culturgal Manuel Rivas, que lerá un fragmento de As voces baixas e estarán presentes os e as autoras dos grandes premios e lanzamentos editoriais do ano.
No punto no que se tocan a literatura e as artes escénicas (cuxa presenza na feira segue medrando), Culturgal situarase como a porta de entrada ao ano de Roberto Vidal Bolaño, co lanzamento de varios proxectos de difusión da súa obra”, engadiron os responsábeis da feira.
Ademaís, as artes escénicas estarán moi presentes no Cuarto dos nenos, por onde pasarán, entre outros, Elefante Elegante, Baobab Teatro, Caramuxo, Babaluva, Quinquillans, Fantoches Baj e Os sete magníficos máis un. Noutros espazos da feira estarán Kukas, Talía, Inversa Teatro, Funboa Escénica, Dinamo e outras moitas propostas escénicas, compartindo escenario con nomes imprescindibles da música galega actual, como Uxía, Xacobe Martínez Antelo, Xurxo Souto, Xabier Díaz, Guadi Galego, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero, Sés, O Leo, Bocixa, Emilio Rúa, Xoán Curiel, Silvia Penide, Linho do Cuco ou os irreverentes Os da Ría.
Polo Garaxe, “o espazo revelación de Culturgal 2011” segundo explicaron os organizadores da feira, pasarán os protagonistas do audiovisual galego, os proxectos TIC máis innovadores, as propostas máis novidosas e creativas (comisariadas pola publicación de tendencias Disquecool) e os proxectos pensados por e para o procomún (que este ano centrarán a programación do Faiado, comisariado por Fur Alle Falle).
Alianza de sectores galegos
Culturgal está organizado por unha entidade da que forman parte as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET), Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI). A Feira conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da AGADIC e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, do Concello de Pontevedra e do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e conta coa colaboración de máis de 30 entidades e empresas.

PUBLICIDADE