Cristina Pato busca financiar o seu novo álbum a través de Kickstarter

xoves, 4 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Nos últimos meses non son poucos os proxectos culturais que recorren a plataformas como Verkami para conseguir financiamento, centrando a achega de fondos ao territorio español, pero algunhas iniciativas buscan unha maior proxección internacional, de aí que optan por plataformas máis globais como Kickstarter, que é o que está a facer a artista galega Cristina Pato, que iniciou unha campaña de micromecenado para facer posible que o seu álbum Latina poida ver a luz en maio de 2015.
Pato busca xuntar 20.000 dólares a través desta iniciativa que en poucas horas xa completou o 10% do seu obxectivo, polo que parece un éxito garantido. Os mecenas que acheguen 10 dólares poderán facerse cunha copia dixital do álbum, mentres que por 30 dólares recibirán unha copia asinada do mesmo en CD, existindo tamén a posibilidade de realizar aportacións maiores para recibir varias copias e incluso entrada para concertos. Non faltan un par de recompensas bastante curiosas, como que por 1.000 dólares Cristina Pato premiará ao mecenas cunha clase de gaita galega en New York (ou noutra cidade, se o mecenas se fai cargo dos gastos da viaxe); por 3.000 dólares Pato gravará unha versión da canción que pida o mecenas interpretada con gaita; por 5.000 dólares e 7.500 dólares poderase gozar dun concerto da banda de Pato na casa do mecenas en New York e EE.UU. respectivamente; e por 10.000 dólares completarase a recompensa anterior cunha cea que consistirá en paella e polbo á feira.
A artista galega define o seu vindeiro álbum como “un xeito de abrazar a miña herdanza cultural a través da música, explorando as conexións entre o país de orixe da palabra, Italia e os países que hoxe en día consideramos latinos. Usando a metáfora dun dos ritmos esenciais da música tradicional: o 6/8, Latina é unha viaxe musical que comeza coa tarantella italiana e viaxa a través de ritmos 6/8 de España e América Latina, coma o joropo venezolano, o Landó peruano, a muiñeira galega, e ritmos que teñen viaxado en ambolos dous sentidos no mundo latino, o tanguillo e o fandango”. Unha orixinal proposta que conseguirá facerse realidade grazas ao apoio do público.


Vídeo promocional da campaña de micromecenado de Cristina Pato en Kickstarter

PUBLICIDADE