Cree fai máis asumibles as lámpadas conectadas

venres, 16 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Cada vez son máis as compañías que apostan por dotar á súa electrónica doméstica de conectividade para facilitar a introdución da domótica na nosa vida diaria, e un dos produtos que máis apostan por esta liña son os de iluminación, que están a competir en prestacións e prezo para poder conquistar aos consumidores. Deste xeito temos así como a norteamericana Cree Inc. presenta a súa lámpada conectada LED, que presume de ser a primeira lámpada do mercado en combinar simplicidade de uso, compatibilidade multi-plataforma e prezo asumible.
Estas novas lámpadas LED conectadas son compatibles con hubs Wink e ZigBee e están xa á venda nos EE.UU. a un prezo de 14,97 dólares (12,92 euros) e achegan a intensidade de luz propia dunha lámpada incandescente de 60 watts (815 lumenes ou 2.700K), aínda que limita o seu consumo a 11,5 watts.
Ao ser unhas lámpadas compatibles con Wink e ZigBee (e tamén soportará a plataforma HomeKit de Apple), chega con instalar un hub con calquera destas tecnoloxías no fogar para comezar a gozar de lámpadas con luz regulable e programable que pode controlarse mediante dispositivos con iOS ou Android, de xeito que a propia iluminación doméstica pode facernos de espertador, pode personalizar o ambiente segundo o que vaiamos facer e incluso pode engadir certa seguridade (simulando que hai xente no fogar cando non é así).

As novas lámpadas poden controlarse directamente dende o móbil


Vídeo promocional das novas lámpadas LED conectadas de Cree

PUBLICIDADE