Coruña amosa en Berlín e Washington a súa proposta de Cidade Intelixente

xoves, 21 de maio do 2015 Redacción

Hoxe daba comezo un dos encontros máis senlleiros do ano en canto a Cidades Intelixentes, estamos a falar da asemblea xeral da European Innovation Partnership on Smart Cities and Communities (EIP-SCC), un punto de referencia de cara a converter a Europa en referente mundial en canto a calidade de vida á vez que se promove a competitividade da industria europea vinculada ás chamadas smart cities. Nesta nova que nos ocupa queremos dar conta do dito evento, mais tamén da importancia que ten a representación galega que desta volta marca a presenza da Coruña co seu proxecto Smart City, unha achega smart para mellorar a eficiencia dos servizos públicos e a calidade de vida dos cidadáns.
O encontro en cuestión, que se está a celebrar en Berlín, dá acubillo a máis de 400 representantes de empresas, concellos, centros académicos, universidades e outras organizacións de toda Europa que presentaron 370 iniciativas das tecnoloxías e infraestruturas organizativas precisas para o despregamento das cidades intelixentes nunha Europa na que o 70% dos seus habitantes vive en núcleos urbanos.
E indo á proposta da Coruña, está baseada na posta en marcha dunha gran plataforma tecnolóxica que funciona como un auténtico cerebro da cidade, quen de captar millóns de datos, procesalos e cruzalos para aplicalos á mellora dos servizos públicos en todas as áreas.
Por outra banda, A Coruña tamén amosará o seu proxecto no Global City Teams Challenge de Washington o vindeiro 1 de xuño. Coruña Smart City participa convidada polo NIST (National Institute of Standard and Technologies). O Global City Teams Challenge é unha rede internacional, organizada en equipos ou clústers, que traballa na procura de solucións innovadoras para mellorar servizos nas cidades ou comunidades intelixentes.
O proxecto Coruña Smart City, iniciativa do Concello da Coruña e Emalcsa como solicitante, fíxose cun cofinanciamento dun 80% dos fondos FEDER, para un total de 11,5 millóns de euros. O proxecto deseñouse en dúas fases: a primeira fase, adxudicada en abril do ano pasado á UTE formada por Altia, Ilux, Indra e R, consistiu no deseño e posta en marcha da plataforma tecnolóxica, á que se chama o cerebro da cidade, e a execución de 14 proxectos piloto.

PUBLICIDADE