Factura electrónica

Deputación de Pontevedra

O noso boletín por e-mail conta xa con 3033 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

Convocada a nova edición dos Premios García Campos á mellor empresa TIC da nosa terra

martes 11 de maio do 2010, por Fernando Sarasqueta | | Compartir | |

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) vén de convocar unha nova edición dos seus recoñecementos orientados a salientar, no ámbito galego, os proxectos e servizos de meirande repercusión innovadora do ano. O Premio Gerardo García Campos 2010 (que xa vai pola súa oitava achega galardoando as mellores iniciativas empresariais do eido TIC) entregarase no marco da XV Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, xuntanza do sector fixada para o día 3 de novembro, venres, no Hostal dos Reis Católicos de Santiago.
O obxectivo tanto da Fundación Ingeniero Gerardo García Campos como do COETG (organizadoras destes eventos) é recoñecer un proxecto empresarial emerxente no eido TIC que destaque nalgunha das seguintes áreas: introdución das TIC en sectores nos que poñan en xogo valor en procesos tradicionais; deseño de produtos aplicables en mercados amplos; orientación á exportación; creación de emprego tecnolóxico; actividade en I+D+i; aumento do espectro de valor no sector das TIC e desenvolvemento de produtos de interese social.
Os galardóns, que inclúen unha dotación de 6.000 euros, están abertos á concorrencia de tódalas pequenas e medianas empresas españolas ligadas ao dito sector e que conten na data de convocatoria cunha traxetoria no tempo menor a cinco anos. Con todo, as empresas que participen si que deberán cumprir certos requisitos de galeguidade, e máis se temos en conta (informa o COETG) que a Fundación Gerardo García Campos é de interese galego. Así, esixirase que os proxectos estean ligados á nosa terra, ben sexa a través dos seus socios (que terán que ser galegos), ben contando coa súa sede social dentro do territorio galego ou ben mediante unha repercusión empresial que repercuta de xeito directo no noso mercado.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

 RSS