Contactnova deseña un sistema que axiliza ao máximo as enquisas de satisfacción

luns, 22 de setembro do 2014 Redacción

A empresa galega Contactnova vén de desenvolver unha aplicación que facilita a elaboración dos estudos de opinión, facendo máis áxil o traballo de campo e o de recompilación de datos, ao tempo que se asegura unha meirande fiabilidade. En palabras da propia firma, trátase dunha ferramenta pioneira en España que mellora a eficacia das enquisas de satisfacción de empresas e entidades. A solución, que xa se probou a fondo en talleres e concesionarios de coches cuns resultados que Contactnova cualifica de “excelentes”, non só permite aforrar tempos de produción á hora de dar forma a un informe de satisfacción feito con cuestionarios, senón que tamén posibilita un importante aforro de custes.
Xa nun plano máis detallado, coa ferramenta de Contactnova poderemos cargar de forma automática e en tempo real, no noso sistema CTI (Computer Telephone Integration, sistema informático para xestionar todas as canles de comunicación dunha empresa), os ficheiros dos clientes que deben ser enquisados, organizados e verificados de maneira correcta, para que poidan así ser empregados “de xeito inmediato” polos teleoperadores. A gran vantaxe do sistema baséase polo tanto no seguinte: permite facer de xeito inmediato e co mínimo traballo o que antes se facía de xeito manual. Cousas como por exemplo igualar formatos cos contidos das bases de datos, eliminar arquivos duplicados ou datos incorrectos, etc.
O proxecto contou co financiamento do Instituto Galego de Promoción Económica, IGAPE, a través do programa Innovaempresa, destinado a apoiar a innovación nas pequenas e medianas empresas de Galicia.
Lembrar que Contactnova é unha empresa galega con máis de dez anos de experiencia nos eidos da mercadotecnia, atención telefónica, a comunicación co cidadán, a consultoría e os servizos telefónicos. Entre outros recursos tecnolóxicos, dispón dunha arquitectura de seu, o devandito sistema CTI, que permite “amplas funcionalidades en resposta de voz interactiva (IVR), distribución automática de chamadas (ACD) e sistemas de marcación progresiva”.

PUBLICIDADE