Consumer Reports pon a proba a resistencia ao dobrado de varios smartphones

luns, 29 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Consumer Reports someteu a probas de resistencia a varios smartphones de referencia

Para que a polémica do BendGate quede totalmente clara dende unha fonte neutral, dende Consumer Reports decidiron someter varios smartphones a probas de resistencia, para ver se realmente os novos iPhone son tan doados de dobrar, confirmando que os trebellos de Apple son bastante robustos, aínda que moitos dos seus competidores aínda o sexan máis.
A proba realizada foi a de tres puntos de presión, que consiste en colocar o smartphone sobre dous puntos fixos, e aplicarlle forza nun terceiro punto (no centro do móbil) para comprobar a forza precisa para deformar o terminal e tamén a que sería precisa para que se producise unha separación da carcasa. Os dispositivos sometidos á proba serían os iPhone 5, 6 e 6 Plus, o último HTC One, o LG G3 e o Samsung GALAXY Note 3.
As probas de resistencia realizáronse partindo dun peso de 10 libras (4,54 quilogramos) durante 30 segundos, incrementando a forza en chanzos de 10 quilos, rexistrando o momento no que o smartphone comeza a dobrarse e rematando cada proba cando a pantalla se desprende da carcasa. Curiosamente varios dos dispositivos continuaron a funcionar despois de seren sometidos a semellante agresión.

O iPhone 6 Plus sorprendeu sendo máis resistente ao dobrado que o iPhone 6

O dispositivo máis fráxil dos probados resultou ser o HTC One, pois comezou a deformarse con 70 libras de peso (31,75 quilos), separándose a carcasa con 90 libras (40,82 quilos), mentres que o iPhone 6 experimentou tamén o dobrado da súa estrutura metálica con 70 libras, pero mantivo a súa integridade até as 100 libras (45,36 quilos). Pese a que se falaba de que o iPhone 6 Plus era máis fráxil que o iPhone 6, resultou o contrario ante esta proba, aguantando até 90 libras antes de deformarse, e 110 libras (49,90 quilos) antes da separación da súa pantalla.
Nunha categoría de resistencia moi diferente xa se situaría o LG G3, que pese a ter un tamaño moi xeneroso, soportaría 130 libras (58,97 quilos), aínda que o Samsung GALAXY Note 3 aínda chegou máis aló, tolerando 150 libras (68.04 quilos), converténdose en todo un exemplo de resistencia pese ao seu tamaño.

As probas de resistencia realizárone até que as pantallas se desprendían da súa carcasa

Para deixar claro que o tamaño é un factor moi importante neste tipo de probas, tamén decidiron someter á proba de resistencia ao iPhone 5, que foi quen de aguantar 130 libras antes de dobrar e 150 libras antes de que se desprendese a súa pantalla, confirmando que os smartphones pequenos, son máis resistentes ao dobrado.
O feito de que os novos iPhone sexan máis doados de dobrar que outros tabletófonos non debería ser preocupante, pois nun uso normal é practicamente imposible someter a estes teléfonos ás presións que leven á súa deformación (aínda que cómpre lembrar que transportar o teléfono no peto traseiro dun pantalón non é recomendable nin está considerado precisamente un uso normal, xa que si podería expor a un terminal a unhas agresións externas máis que considerables, con independencia de que esteamos ante un iPhone ou ante calquera outro smartphone).

Os dispositivos sometidos á proba foron os iPhone 5, 6 e 6 Plus, o último HTC One, o LG G3 e o Samsung GALAXY Note 3


Pero non só a prensa especializada está a falar do polémico BendGate, senón que incluso o ilusionista Uri Geller atreveuse a facer declaracións ao respecto, asegurando que os novos smartphones de Apple poderían chegar a dobrarse por mor da “enerxía e a excitación dos 10 millóns de persoas que mercaron os iPhone, espertando os seus poderes mentais e provocando que se dobraran os teléfonos”. Geller incluso insta a Apple a que o contraten para explicar ao mundo que a posibilidade de dobrar os seus trebellos non é culpa súa, senón que incluso sería posible dobrar un vello terminal de BlackBerry coa mente, para o que o psíquico distribuíu unha fotografía para demostralo:

Rapazada nunha Apple Store

Para contribuír a todos este rebumbio, tamén está a dar moito que falar un vídeo gravado por un par de rapaces nunha Apple Store no que demostran que pode dobrarse un iPhone 6 Plus coas propias mans:

Loxicamente este tipo de comportamentos está a provocar preocupación, xa que estragar dispositivos electrónicos nas tendas só para verificar en persoa o que se comenta na Rede non é nin de lonxe un comportamento aceptable, xa que provoca danos económicos significativos. Os propios autores do vídeo desculpáronse en liña e aseguran que, de recibir unha reclamación por parte de Apple, farán todo o posible para reparar os danos, aínda que non lles resultaría doado xa que só teñen 15 anos.

PUBLICIDADE