Coñécense máis detalles dos GPS de Blusens

mércores, 10 de outubro do 2007 Marcus Fernández

O Blusens G.01 é pioneiro no GPS con imaxes reais

Nos últimos días o anuncio de Blusens de incorporar ó seu catálogo un dispositivo que combinaba a reprodución multimedia coa localización GPS con imaxe real resultou moi rechamante, e finalmente puidemos coñecer a súa aparencia externa e as súas característica detalladas.
Coñecemos así que o Blusens G.01 conta cunha pantalla táctil de 4,3 polgadas, un disco interno de 30 Gb e conectividade Bluetooth. Mide 145 x 80 x 23 mm e pesa 280 gramos. Aparte tamén inclúe lector de tarxetas SD/MMC, saída para auriculares e entrada para unha antena GPS externa, e se venderá a finais de novembro a 499 euros.

O Blusens G.02 podería tomar o relevo do G.01 en 2008

Este novo dispositivo empregará as revolucionarias imaxes de Pictometry desenvolvidas en colaboración coa compañía Blom, que son as que achegan un xeito diferente de ver os lugares por onde nos movemos, indo máis aló dos sinxelos mapas gráficos e superando incluso a moitas fotografías de satélite.
Pero o G.01 non é a única novidade que nos achegou o catálogo 2008 de Blusens, senón que tamén adiantou o que sería o seu segundo navegador GPS con imaxe real, o Blusens G.02, que amosa un tamaño máis reducido que o seu predecesor, un deseño máis eficaz sen botóns na parte dianteira, un disco duro de 40 Gb e información sobre tráfico e situacións de radares fixos.
Tamén conserva a pantalla táctil panorámica de 4,3 polgadas, e no tocante á reprodución multimedia, aparte de soportar ficheiros MP3, Ogg Vorbis e WMA (así como vídeo MPEG4) unha funcionalidade que algúns agradecerán é que soporta Bluetooth 2.0 con A2DP. Queda por saber agora a data de lanzamento desta novo produto, así como o seu prezo de venda, aínda que é de agardar que non chegue ata primeiros ou mediados de 2008.

PUBLICIDADE