Conachán, o 4chan galego

mércores, 1 de decembro do 2010 Marcus Fernández

Na web existen distintos foros nos que compartir contidos e montar rebumbio, de xeito que nos últimos meses, aparte de WikiLeaks, tamén escoitarmos falar de distintas campañas e bromas que naceron de espazos coma forocoches.com e 4chan.org, sendo este último pouco popular en España, pois o seu uso principal é a publicación de imaxes e comentarios sobre manga e anime, aínda que o feito de que os contidos de carácter efémero (grande diferenza deste imageboard sobre os foros web tradicionais) poidan publicarse de xeito anónimo instou a moitos activistas a utilizar esta ferramenta para as súas actividades (coma un ataque DDoS ás páxinas web da SGAE e do Ministerio de Cultura), especialmente se teñen un certo ton humorístico, e nesta última liña chega Conachán, unha web que podemos definir coma o 4chan galego, no que podemos publicar textos e imaxes nun taboleiro no que predomina o humor.
Os usuarios poden publicar imaxes de ata 1 Mbytes en GIF, JPEG ou BMP, aínda que aparecerán redimensionadas a un tamaño máximo de 200 x 200 píxeles, e polo momento non faltan fotografías con personaxes de series e programas da TVG, políticos galegos e numerosas manipulacións fotográficas, así como algunhas imaxes que só resultan graciosas tras ler o texto que as acompaña. Temos así un novo referente para un humor galego sen artificios.

Os personaxes televisivos e os políticos son obxecto de moitas bromas en Conachán

PUBLICIDADE