Compostweets xuntará a máis de 200 entusiastas das redes sociais o vindeiro sábado

xoves, 23 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (Santiago de Compostela) acollerá este sábado a segunda edición de Compostweets, un encontro anual que busca xuntar no mesmo auditorio a profesionais e entusiastas do sector do Social Media na nosa comunidade autónoma, para compartir experiencias, reflexionar sobre o estado actual do fenómeno das redes sociais e coñecer distintas iniciativas galegas neste ámbito.
Este encontro rexistrará un cheo total, pois o pasado martes xa comunicaron que completaran o aforo do salón de actos do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (con capacidade para 225 persoas)j, e para facilitar o seu seguimento tamén estrou nos últimos días unha aplicación móbil para dispositivos con iOS desenvolvida por Bits for Meetings (B4M), iniciativa da que xa temos falado dende a súa presentación no AppCircus que acompañou á primeira edición do MobileCON Galicia, e que pretende converterse en todo un estándar para a organización de eventos. Dende a app de Compostweets será posible establecer comunicación entre os distintos asistentes, consultar o mapa coa localización do evento, recibir novas sobre o encontro e poder seguir o que se comenta en Twitter sobre Compostweets, que segundo os precedentes, será unha experiencia moi enriquecedora.

O evento poderá seguirse no móbil grazas a unha aplicación para iOS

A xornada permitirá achegarse ao fenómeno das redes sociais da man do profesor José Luis Orihuela, responsable do blog eCuaderno; a promoción a través da Rede coa xente de Buydeal.es e Raquel Lemos Publiwoman; o sexo visto dende un blog con Nela Bernal; o mundo da restauración na Internet con Restalo.es e Elmarisconoescaro.com; e a publicidade na Rede con xente de BAP&Conde (o que servirá para amosar os mellores vídeos e campañas en liñas de Galicia en 2011).
Xa pola tarde, Camilo Ameijeiras (Primate) e Luz Castro (Imaxin Software) interactuarán durante media hora no escenario nunha intervención que bautizaron como Dúo cómico; mentres que os blogueiros David Serantes e Javier Pedreira Wicho achegaranse á experiencia deste último que o levou ata a NASA; e a xornada rematará cun espazo SpeakFree no que participarán proxectos como Meubook.com, Exquisitec.es, Vigiliam.com, Mundoplanet.com e Silosenovendo.com baixo a atenta mirada dos consultores Francesc Pumarola e Javi Rocamora.

PUBLICIDADE