Compostela participará nunha hackaton contra o cambio climático

xoves, 28 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Entre os días 12 e 14 de setembro organízase a nivel mundial unha hackaton na que prevén a participación de máis de 3.000 programadores, hackers, deseñadores, fundadores, líderes e organizacións en máis de 40 cidades de todo o mundo para hackear conta o cambio climático, construíndo prototipos de solucións tecnolóxicas que respondan a 15 retos relacionados co cambio climático, e para achegar esta iniciativa chamada #Hack4Good ao galegos en DoutroXeito Coworking darán acubillo a este encontro dende o venres 12 ás 19:00 horas até o domingo 14 ás 16:00 horas. Os interesados en participar poden inscribirse, aboando 20 euros para cubrir a cea do venres e os cafés e aperitivos das dúas xornadas.
Os proxecto desenvolvidos durante a hackaton poderán pasar unha avaliación por parte dun panel de xuíces de xeito que os desenvolvementos máis interesantes poderán participar na Semana do Clima NYC e no Cumio do Clima da ONU en New York en setembro.
Os retos aos que buscan dar solución a través desta iniciativa son os seguintes:
A) Sensibilización Climática:
1. Concienciación pública: gañar masa crítica de concienciación
2. Impacto persoal: axudar á xente a comprender o seu impacto
3. Activismo dixital: dotar aos activistas de ferramentas dixitais
4. Visualización convincente: visualizar modelos e impactos
5. Negociacións internacionais: ferramentas para facilitalas
B) Adaptación Climática:
1. Comunidades resilientes: ferramentas para empoderar estas comunidades
2. Subida de temperatura: responder a olas de calor, secas e os retos agrícolas
3. Clima extremo: responder a inundacións, tormentas tropicais, incendios, etc.
4. Ecosistemas e natureza: protexer e restaurar os ecosistemas
5. Colaboración das ONG: facilita-la súa colaboración e comunicación
C) Acción Climática:
1. Comportamento do consumidor: influír e fomentar bos hábitos de consumo
2. Produción de enerxía: solucións escalables para produción baixa en carbono
3. Finanzas responsables: fomentar a desinvestir nos combustibles fósiles
4. Sustentabilidade e eficiencia enerxética: optimiza-lo uso dos recursos enerxéticos
5. Reforestación: termina-la deforestación e fomenta-la reforestación

PUBLICIDADE