Compostela converterase na capital europea das TIC o vindeiro 3 de setembro

xoves, 26 de agosto do 2010 Raquel Noya

Edita de Lorenzo, que será distinguida como Enxeñeira do Ano.

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), están a quencer motores para que nos primeiros días do vindeiro mes de setembro (do 1 ao 4), a capital galega lle dea a acollida que merecen os 500 profesionais das telecomunicacións que se achegarán a Compostela procedentes de toda Europa para debatir a situación real do sector e as claves de futuro do mesmo.
Durante eses días, o Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela será a sede de celebración da 49 edición do Congreso FITCE, o simposio europeo das TIC por antonomasia como punto de encontro de profesionais das telecomunicacións, das novas tecnoloxías da comunicación e da sociedade da información, que este ano, coincidindo coa celebración do Xacobeo 2010 dedicará a súa temática central a O Camiño de Santiago e as Telecomunicacións Europeas.
Por outra banda, celebrarase a XV Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, cita anual ineludible para o sector tecnolóxico galego e un dos eventos máis significativos para os enxeñeiros TIC da nosa comunidade, que terá lugar o vindeiro día 3 de setembro no devandito hotel de luxo compostelá. Nela, un ano máis, daranse a coñecer as estratexias públicas para o desenvolvemento do sector TIC, ao tempo que se lle entregarán os premios anuais a profesionais e a empresas destacadas, os cales, terán a oportunidade de confraternizar, nunha cea de honra posterior.
Nesta edición, a directora da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación da Universidade de Vigo, Edita de Lorenzo, recibirá o galardón de Enxeñeira do Ano, distinción concedida pola súa decisiva contribución á formación académica e capacitación profesional dos futuros enxeñeiros de telecomunicación de Galicia, desde o seu posto de directora da ETSET da Universidade de Vigo.
Asemade, nesta nova edición de FITCE, organizada pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), co respaldo da Asociación Española de Ingenieros de Telecomunicación (AEIT), debaterase sobre o estado e os proxectos de futuro das infraestruturas de telecomunicacións na Unión Europea baixo o lema The Way of Santiago and the European Telecommunications, na honra á sede que alberga o congreso e a celebración do Ano Xacobeo 2010.
O Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia será o escenario no que se desenvolverá o programa científico do Simposio composto por once presentacións orais, catro sesións de posters e dúas mesas redondas (integradas polos principais fabricantes e operadores de telecomunicacións do noso país). Os relatores analizarán o campo dos servizos e aplicacións TIC, afondando na nova era tecnolóxica e nas aplicacións avanzadas que permitirán acceder a infraestruturas intelixentes. Darán un paso máis no camiño cara ás redes de vindeira xeración. E analizarán a aplicación da fórmula I+D á configuración de Internet, á vez que abordarán os retos aos que se enfrontarán os reguladores das telecomunicacións ao vivir inmersos na Sociedade da Información.

PUBLICIDADE