Compostela acolle a presentación de Bazar, software libre para a internacionalización de empresas

martes, 7 de xuño do 2011 Raquel Noya

José Ignacio Goirigolzarri, impulsor de Garum

A Fundación Garum, centrada no desenvolvemento de ferramentas e coñecementos libres para a mellora do tecido empresarial en todo o mundo, centra agora os seus esforzos no perfeccionamento da ferramenta Bazar, un software de código libre de seu que, entre outras cousas, axuda á internacionalización de pequenas e medianas empresas.
Esta ferramenta, que ter por obxectivo xerar mercados a escala global tirando partido da Rede, vai ser presentada esta mesma tarde na capital galega, da man dos membros da Fundación, nun acto que dará comezo a partir das 19:00 horas na tenda de Sargadelos, na Rúa Nova 16; ao mesmo poderán asistir tódalas persoas interesadas en atopar novos mercados a escala global, así como todo tipo de emprendedores ou desenvolvedores de software que queiran coñecer a aplicación de primeira man.
A ferramenta, que segue unha estrutura distribuída en nodos, ter por obxectivo xerar mercados, é dicir, poñer en contacto a empresas de todo o mundo que ofrecen e solicitan distintos produtos e servizos, nun entorno similar a unha rede social.
A idea fundamental é, segundo o seu creador, José Ignacio Goigolzarri, “permitir que pequenas empresas e emprendedores atopen novos mercados a escala global nunha contorna fiable e sen os custos da internacionalización física”. O núcleo deste software, engade, “será pois un sistema de ofertas e demandas, enriquecido con sistemas de rating, e-learning, arbitraxe, mensaxería interna, publicación de contidos...”
O evento está organizado por Cilenis, unha empresa moi nova radicada en Santiago, dedicada á Enxeñería Lingüística e ao Procesamento de Lingua Natural.

PUBLICIDADE