Comezan no centro San Vicente de Paúl as actividades de voluntariado e formación da Aula TIC-PEME

xoves, 6 de febreiro do 2014 Redacción

A solidariedade TIC comeza no intre en que un usuario con coñecementos axuda a outro usuario a resolver dúbidas ou empregar algún programa. Esta, aplicada de xeito colectivo, é a base do programa Abrimos unha fiestra ao mundo para TI(C), un ciclo de actividades do que falamos os días pasados con motivo da súa presentación e que vén da man da Aula TIC-PEME da Universidade de Santiago de Compostela, contando con financiamento da Fundación La Caixa. Pois ben, o programa de accións comezou xa este mércores 5 de febreiro, nunha das aulas de informática da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo. Tanto nesta sesión coma nas seguintes, participan un grupo de estudantes voluntarias do dito centro formando no eido das TIC a persoas con diversidade cognitiva residentes no centro San Vicente de Paúl.
Segundo informa a responsábel da Aula TIC-PEME da Universidade de Santiago, a profesora Ángeles López Cabarcos, estamos perante “un proxecto de alfabetización informática que se axusta aos obxectivos que propiciaron a creación da Aula, como a activación de propostas de formación e asesoramento de capital humano asociado ás TIC”. Esta actividade, di a profesora, “salienta polo seu marcado perfil solidario e tamén por afondar na responsabilidade social da Universidade”. Asemade, foi posta en marcha “para contribuír a ampliar a oferta formativa dun colectivo en risco de exclusión social”, o das persoas con diversidades cognitivas. A idea é mellorar o seu grao de empregabilidade e evitar que fiquen illadas da Sociedade da Información.
Este proxecto botou a andar no mes de novembro co proceso de selección de universitarias voluntarias interesadas en participar. Unha vez rematada a selección de candidatas/os, completaron un programa de formación específico no que adquiriron as habilidades e competencias precisas para desenvolver este programa de alfabetización informática. Ao remate deste proceso de formación, as voluntarias universitarias achegarán o seu coñecemento e asesoramento nas distintas sesións que se celebrarán nunha das aulas de informática da Facultade de ADE. Este programa de formación, que contempla un total de oito sesións, comeza xa este mércores. As outras xornadas de alfabetización informática programadas ao abeiro deste proxecto desenvolveranse ao longo do mes de febreiro e nas primeiras semanas de marzo.

PUBLICIDADE